Récord de nacionalizacións: 240.208 en 2023, un 32,3 % máis que hai un ano
Récord de nacionalizacións: 240.208 en 2023, un 32,3 % máis que hai un ano
As nacionalidades de orixe máis frecuentes foron Marrocos (54.027), Venezuela (30.154) e Colombia (18.738)
Galicia é a 10ª comunidade, con 6.010 adquisicións
Un total de 240.208 estranxeiros residentes en España adquiriu en 2023 a nacionalidade española, o que supón un aumento do 32,3 % con respecto ao ano anterior, e as nacionalidades de orixe máis frecuentes foron Marrocos (54.027), Venezuela (30.154) e Colombia (18.738). A cifra total é a máis alta desde que comezou a serie, en 2013.
Son datos da Estatística de adquisicións de nacionalidade española de residentes, que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE) e que revela que Cataluña e a Comunidade de Madrid foron as comunidades con máis adquisicións de nacionalidade, con 60.846 e 50.049 respectivamente.
O 45,2 % das persoas estranxeiras que adquiriu a nacionalidade española en 2023 foron homes e as 54,8 % mulleres e, por idade, as persoas de 30 a 39 de anos constituíron o grupo máis numeroso, seguido do grupo de 40 a 49 anos.
A maioría tardaron uns cinco anos en adquirir a nacionalidade española.
En canto aos modos de adquisición de nacionalidade española, 212.779 casos foron por residencia e 26.844 por opción. Esta última modalidade deuse sobre todo nos menores de 20 anos (foi así no 95,7 % dos casos).
Marrocos e Venezuela, as nacionalidades de orixe máis frecuentes
A nacionalidade de orixe máis frecuente foi a de Marrocos, con 54.027 casos, seguida da de Venezuela (30.154), Colombia (18.738), Ecuador (11.326), Honduras (11.189), República Dominicana (10.275), Cuba (9.790), Bolivia (9.103), Perú (8.489) e Arxentina (7.208).
Pola súa banda, o país de nacemento máis frecuente nas adquisicións de nacionalidade foi España, con 52.451 casos, seguido de Venezuela (29.581), Marrocos (24.078), Colombia (18.428), Honduras (10.393), Ecuador (9.990), Cuba (9.799), República Dominicana (9.572), Perú (8.327) e Bolivia (8.003).
Das 240.208 persoas residentes en España que en 2023 adquiriron a nacionalidade española, un 21,2 % sempre residira en España, mentres que o restante 78,8 % residira previamente no estranxeiro.
Desde 2002, o ano de chegada máis frecuente para as persoas que adquiriron nacionalidade española foi 2018. É dicir, tardaron uns cinco anos en adquirir a nacionalidade española.
Cataluña e Madrid concentran a maioría de adquisicións de nacionalidade
Cataluña (con 60.846 casos) e a Comunidade de Madrid (con 50.049) concentraron o 46,2 % das adquisicións de nacionalidade, mentres que A Rioxa (952) e Estremadura (1.309) foron as que menos adquisicións representaron.
Por número, a Cataluña e Madrid séguena a Comunidade Valenciana (25.119), Andalucía (24.059), Murcia (13.357), Canarias (11.622), País Vasco (9.966), Baleares (8.339), Castela A Mancha (6.963), Castela e León (6.502), Galicia (6.010), Aragón (5.600), Navarra (3.526), Asturias (2.561) e Cantabria (1.867).