Lugo recupera a tradición oleira das "cacharreiras" de principios do século XX
Éxito de vendas e de público na primeira edición da feira de olería de Lugo
Malia que é a primeira edición desta feira, con ela recupérase unha tradición que había en Lugo a principios do século vinte, cando se xuntaban as chamadas "cacharreiras" a vender as súas pezas de barro ao pé da Mosqueira.
Con esta feira, un século despois, trátase de recuperar unha tradición que está contando co apoio masivo do público.
Non sendo a de Niño da Aguia, que non puideron vir, aquí están representadas todas as olerías tradicionais galegas. Da provincia de Lugo, a de Bonxe e a de Gundivós.
Entre os traballos expostos, chama a atención unha peza da olería de Tioira, en Ourense. Tamén é moi senlleiro un porrón de Buño.
Ademais das olerías galegas tiveron representación as de Badaxoz, Córdoba, ou Zamora, onde se está recuperando moito o uso culinario do barro.
Artesáns e público concordaron na necesidade de asentar un evento, organizado pola vicepresidencia da Deputación, no que se expón e enxalza unha tradición que precisa continuidade.