Rescatan en Moaña unha condutora que caeu por un desnivel de dez metros de altura
Rescatan en Moaña unha condutora que caeu por un desnivel de dez metros de altura
Malia a caída e a aparatosidade do sinistro, só sufriu feridas leves
Os bombeiros tiveron que abrir todo o lateral do coche para extraela
Empregaron unha polea para sacala do lugar ata a ambulancia
Unha moza de 19 anos, veciña do morrazo, salvou a vida esta mañá logo de sufrir un aparatoso accidente na coñecida como curva da Pandiña, en Tirán, parroquia do concello de Moaña. Por causas que se descoñecen a condutora non tomou a curva e saíu polo lateral da estrada. Caeu por un desnivel duns dez metros e logo de percorrer unha distancia duns setenta metros por unha leira chea de maleza o coche parou ao bater contra un poste de pedra.
Ocorreu sobre as oito desta mañá. Axiña acudiron os bombeiros do Morrazo, que tiveron que cortar as portas do coche para extraer a muller, que estaba tombada contra o cadro de instrumentos, xa que o coche quedou co frontal para abaixo.
"Estaba atordada, consciente, e con forte dor nun brazo. Non tiña feridas graves, pero o que máis preocupaba aos sanitarios era a dor de cervicais", sinala Alberto Doval, cabo do parque de bombeiros do Morrazo, que participou no rescate.
Esas posibles lesións na zona cervical obrigou a ser moi coidadosos no rescate da condutora. Logo de abrir un oco grande no lateral do coche, os bombeiros tiveron que empregar unha polea para izar a ferida en padiola ata a altura en que agardaba a ambulancia.
A moza foi trasladada ata o hospital Vithas Fátima de Vigo, onde se recupera das lesións. Por fortuna o prognóstico non é grave.