Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Consello da Xunta aproba dous millóns de euros en axudas para o sector pesqueiro

O Consello da Xunta aproba dous millóns de euros en axudas para o sector pesqueiro

Tamén se aprobou incrementar a dotación para o novo contrato da Rede Pública de Albergues do Xacobeo ata chegar a doce millóns de euros

O Executivo galego renova o programa Xantar na Casa por oito millóns de euros anuais

G24.gal 15/07/2024 09:33 Última actualización 15/07/2024 16:43

O Consello da Xunta de Galicia acordou, na súa xuntanza semanal celebrada este luns, aprobar 420.000 euros en axudas ás confrarías como compensación ás perdas do último trimestre do 2023 a causa dos fortes temporais. Tamén hai unha partida de 1,4 millóns de euros en axudas para a formación dos profesionais do sector pesqueiro para facer este sector máis competitivo e garantir a remuda xeracional.

Tamén se aprobou incrementar a dotación para o novo contrato da Rede Pública de Albergues do Xacobeo ata chegar a doce millóns de euros os vindeiros dous anos. O obxectivo é incrementar o número de albergues públicos que xestiona a Xunta ata chegar a 79.

O Executivo galego tamén deu luz verde á renovación da contratación do programa Xantar na Casa, servizo que desenvolve en colaboración cos concellos. A pretensión é duplicar o investimento ata chegar aos oito millóns de euros anuais e acadar os 3.100 beneficiarios, un 24 % máis.

O Goberno galego ratifica, ademais, o acordo alcanzado cos sindicatos para mellorar as condicións laborais dos brigadistas contra os incendios forestais contratados os doce meses do ano.

A reunión tamén deu o visto e prace a novas medidas para seguir ampliando o parque de vivenda pública en Galicia, como a contratación de obras para a rehabilitación de catro edificios e creación de vivendas de alugueiro social nos cascos históricos de Ourense, Ribadavia e Tui.

Asemade, o Consello da Xunta validou un orzamento de 8,4 millóns de euros para a asistencia técnica das 28 depuradoras de augas residuais de xestión directa da Xunta de Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade