Ribera cre que o debate sobre un novo gasoduto non compete só a Francia e España
Ribera cre que o debate sobre un novo gasoduto non compete só a Francia e España
Macron descarta un novo gasoduto entre España e Francia
A vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica descarta problemas de abastecemento de gas en España e di que non está no debate o proceso de peche das centrais nucleares
A vicepresidenta terceira do Goberno e ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera dixo que o debate sobre o MidCat, ao que se opuxo o presidente de Francia, non é un asunto estritamente bilateral e previsiblemente vaise abordar o venres no consello de ministros de Enerxía da UE.
Durante unha entrevista en Onda Cero, Ribera referiuse ao rexeitamento que o presidente de Francia Emmanuel Macron reiterou ao proxecto do novo gasoduto.
Macron asegurou que non fan falta novas conexións de gas con España porque as actuais están moi lonxe da saturación, e o MidCat non se xustifica por motivos enerxéticos e ambientais.
Teresa Ribera descartou que se poida pechar o debate "co pronunciamento dun só país"; dado que se trata dun problema enerxético que "se prolongará" máis aló deste inverno, será preciso adoptar medidas a longo prazo.
Descarta problemas de subministración
Sobre a excepción ibérica, Ribera, que descartou "nunha altísima porcentaxe" que este inverno haxa restricións de enerxía a familias e empresas en España, sinalou ademais que a excepción ibérica ou tope do gas funciona e "pode funcionar en máis países, pero é difícil que funcione en todos".
"Se non hai unha intervención en Europa, é difícil saber o que vai ocorrer", sinalou a ministra, en relación ao actual prezo de venda do gas, o cal se atopa "moi por encima do prezo de custo".
Á diferenza de Alemaña, que está a preparar un plan de continxencia para o inverno, Ribera subliñou que en España é "practicamente imposible" que haxa un problema de abastecemento.
"É un escenario altisimamente improbable, nun mundo que viviu Fukushima, que viviu a covid-19, que viviu erupcións de volcán inesperadas, pois evidentemente a certeza ao cento por cento non existe, pero si que nunha porcentaxe elevadísima polo tipo de infraestrutura que temos para poder recoller ese gas natural licuado, polos contratos, pola produción xa contratada moitas veces con catro anos de antelación, o operador do sistema gasista, o operador do sistema eléctrico e as propias compañías confirman que é practicamente imposible que teñamos un problema de abastecemento", afirmou.
Con todo, a ministra afirmou que o que si confirman é que hai que afrontar un problema de prezos e como facer que sexa o máis asumible por parte das familias e a industria.
En relación á posibilidade de estender a chamada "excepción ibérica" a outros países da Unión Europea, Teresa Ribera recoñeceu que "é difícil que funcione en todos os países". "O que é curioso é que a excepción ibérica funciona e pode funcionar en máis países e é difícil que funcione en todos", sinalou Ribeira, quen insistiu en que é posible que "non sexa unha medida que teña o mesmo efecto en todos os países e por tanto é difícil que sexa unha medida xeneralizable".
Por iso, segundo explicou, Bruxelas estuda ofrecer "un menú de dúas ou tres opcións" para que cada país implante a que considere que é a mellor.
Cancelar ou modificar o peche das nucleares non está no debate
Teresa Ribeira tamén dixo que o calendario previsto para o peche das centrais nucleares españolas segue adiante de acordo coas empresas propietarias destas instalacións e que cancelalo ou modificalo "non forma por agora parte do debate".
Así se pronunciou Ribera ao ser preguntada polo plan de aforro enerxético do Partido Popular, no que Alberto Núñez Feijóo propón ao Goberno que se reformule o peche programado das centrais nucleares.
A vicepresidenta asegurou, que, nestes momentos, "non falta nin un só quilowatt de enerxía nuclear no sistema", é dicir, o inicio do peche do primeiro grupo prodúcese en 2025, polo que non é unha formulación que nestes momentos determine cal é o nivel de éxito ou non da resposta nesta situación.
Ribeira apela á vontade de contribución dos concellos coas luces do Nadal
A vicepresidenta terceira apelou á vontade de contribución á eficiencia e aforro enerxético por parte dos concellos coas luces do Nadal. "É moi importante que sexan os propios actores os que decidan o modo en que queren canalizar a súa contribución ao aforro e á eficiencia", afirmou a ministra.
"Non creo que teña moito sentido que teña que haber alguén que vaia dicindo a todo o mundo que é o que ten que facer, porque iso, evidentemente, non soamente é que sexa un papel moi antipático, senón que se trata de interpelar, de apelar á vontade de contribución de todo o mundo", sinalou Ribera, quen confía en "solucións creativas" para a iluminación do Nadal.
Neste sentido, a ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico explicou que se está falando coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a resposta, segundo sinalou, está a ser positiva en termos dun compromiso por parte dos concellos e das deputacións provinciais sobre como aforrar e contribuír "sen ter que renunciar á celebración do Nadal".
"É obvio que aquí hai un debate sobre a iluminación ornamental e como se pode impulsar ao máximo a eficiencia e o aforro", afirmou a ministra, quen se referiu, neste sentido, ao alcalde de Vigo Abel Caballero, quen "está subliñando o feito de utilizar lámpadas LED e que reduce as horas de aceso".