Roberto García: "Queda moi lonxe a solución á competencia de terceiros países"
Roberto García: "Queda moi lonxe a solución á competencia de terceiros países"
O secretario xeral de Unións Agrarias valora as medidas de Bruxelas para o sector, pero considera "irrenunciable" a adopción de cláusulas espello
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, valorou este martes positivamente as medidas anunciadas pola Comisión Europea para flexibilizar e simplificar a política agraria común. Con todo, asegurou que as protestas do sector agrogandeiro perseguen que se materialice a "boa vontade" amosada onte polo executivo comunitario. De non ser así, dixo, o calendario de mobilizacións que culmina esta semana retomarase.
Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, García explicou que as decisións anunciadas onte "abren as posibilidades a cambiar o que vimos reivindicando, pero falta concretar" e "queda moi lonxe a solución á competencia de terceiros países en igualdade de condicións".
Esa solución, a imposición de cláusulas espello para que os produtos importados cumpran coas mesmas esixencias ambientais, de benestar animal ou administración de hormonas que os produtos comunitarios, é un obxectivo irrenunciable para as organizacións agrarias. "Do contrario estariamos creándonos non só unha mala situación agora mesmo, senón que a curto prazo o tema da alimentación non o podemos deixar en mans de terceiros; o conxunto de Europa ten que garantir a alimentación da súa cidadanía e ao mesmo tempo o papel que as explotacións familiares xogan no territorio", insistiu.
Ademais, considera que "deixar a produción a produtores estranxeiros ou a un modelo de explotación de fondos de investimento leva a que cando lles deixa de ser rendible levantan e marchan para outro lado".
Mesmo así, García dixo ser consciente de que o asunto das cláusulas espello, que non concita o consenso dos 27, deberá quedar para o executivo europeo que saia das urnas o vindeiro mes de xuño. Mentres tanto, instou a "facer unha campaña entre os consumidores para que saiban buscar a etiquetaxe e apostar polos produtos de aquí, que serán de maior calidade e seguridade alimentaria".
Respecto do papel do Goberno central, García cre que medidas xa adoptadas contra a seca, ou para paliar a crise de prezos provocada pola guerra de Ucraína amosan que hai vontade para resolver problemas, pero emprazou ás autoridades a plasmar en medidas concretas tamén a simplificación administrativa e o cumprimento da Lei da cadea alimentaria.