Román Rodríguez: "Pode ser o ano de máis modernización do ensino en décadas"
Román Rodríguez: "Pode ser o ano de máis modernización do ensino en décadas"
O conselleiro de Educación destaca a posta en marcha este curso da redución progresiva de alumnos por aula
Tamén pon o foco nos plans da Xunta para integrar alumnado estranxeiro e reforzar as matemáticas e a comprensión lectora
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou ás novidades do curso 2024-2025 na véspera de que este luns os universitarios volvan ás aulas e de que o mércores o fagan os alumnos de infantil, de primaria, de secundaria, de formación profesional e de educación especial.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, o titular de Educación afirmou que "quizais este sexa o ano da maior modernización do ensino galego nas últimas tres décadas, dende a perspectiva organizativa e puramente docente".
Román Rodríguez referiuse á redución progresiva do número de alumnos por aula que comeza a implementarse en cuarto de infantil. Nestes grupos o número de alumnos máximo pasará de 25 a 20, o que supón unha redución do 20 %. Un proceso complexo, segundo explicou Román Rodríguez, xa que "dende a LOXSE non se fixera nada parecido".
O titular de Educación sinalou que "estamos nun momento de grandes desafíos... e imos adiantarnos aos problemas". Neste sentido explicou que a consellería acometerá varios plans para a integración de alumnos estranxeiros, para reforzar as competencias en matemáticas e en comprensión lectora.
Ademais, destacou o proxecto FPGal360 que ten por obxectivo que "ninguén quede sen formar, incluso as persoas que xa están no espazo laboral para que poidan desempeñar mellor o seu traballo".
"Este ano vai haber máis profesores con menos alumnos e creo que isto é unha das claves do éxito do sistema galego nos últimos anos".
O conselleiro de Educación explicou que Galicia é unha das poucas comunidades que convocan procesos selectivos todos os anos. Neste sentido, lembrou que neste curso conseguiron praza 1.250 docentes en infantil, primaria, secundaria e formación profesional.
"E dentro do plan Promociona incorporamos 400 novos docentes para a atención á diversidade", engadiu.
Román Rodríguez destacou que dende o ano 2009 a consellería de Educación renovou o 50% do seu cadro de persoal. Tamén asegurou que Galicia é a comunidade coa taxa máis baixa de interinos (un 5 % fronte á media estatal do 25 %), o que "permite asentar proxectos pedagóxicos".
Integración de alumnos estranxeiros
O titular de Educación avanzou que neste trimestre a Xunta presentará un plan para potenciar a integración do alumnado estranxeiro e que se enmarca no Plan MEGA de mellora educativa.
Román Rodríguez explicou que Galicia é terra de inmigración e de retorno e que o número de alumnado estranxeiro supón o 6 % do total e xa acada os 21.000 estudantes.
"Somos a comunidade autónoma na que nos dous últimos anos máis aumentou este colectivo polo que temos que potenciar a súa integración", subliñou.
Adiantou que se actuará no ámbito lingüístico e tamén no dos coñecementos para "lograr que se enganchen ao sistema educativo".
"A matrícula gratuíta universitaria non é unha barra libre nin unha medida populista".
Con motivo do inicio, este luns, do curso universitario, o conselleiro de Educación referiuse á implementación da matrícula gratuíta nos estudos de grao e de ensinanzas artísticas superiores.
Lembrou que a partir do segundo curso a axuda vai vinculada a unha porcentaxe de créditos porque "isto non é unha barra libre nin unha medida populista". Tamén sinalou que, dende o punto de vista administrativo, foi complexo implantala, xa que houbo que adecuar as aplicacións informáticas.
Tamén adiantou que este mes a Xunta lles vai ingresar ás universidades, vía transferencia, unha previsión dos recursos que deixarán de percibir pola gratuidade das matrículas.
En canto ao financiamento destes centros educativos sinalou que no que vai de ano o goberno galego xa achegou 500 millóns de euros e destacou que "somos das poucas comunidades que temos un financiamento universitario plurianual que posibilita unha mellor planificación".
O reto, abundou, é chegar ao 1 %, tal e como estipula o noso programa electoral e somos "un partido serio que facemos o que dicimos".
Harmonización da ABAU
Román Rodríguez criticou o Goberno por non homoxeneizar as probas da ABAU, a avaliación do bacharelato para o acceso á universidade, e explicou que "as comunidades autónomas do PP están facendo o que non fai o executivo".
Segundo o titular de Educación, o feito de que haxa 17 exames diferentes "vai contra a igualdade" porque acceder a unha carreira pode ser cuestión de décimas.
Arquitectura pedagóxica
Román Rodríguez subliñou que a Xunta está acometendo a maior renovación dos espazos educativos ao amparo do Plan de arquitectura pedagóxica. Segundo dixo, a comunidade conta con 1.600 centros educativos cunha antigüidade media de 45 anos e que, polo tanto, esixen melloras ambientais, reformas e obras para a eficiencia enerxética.
Ademais, ao cambiaren as metodoloxías de traballo nas aulas requírense "espazos flexibles, adaptados ás novas tecnoloxías e que favorezan unha aprendizaxe innovadora".