Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rouban portas e ventás dun edificio do concello de Muras acabado de rehabilitar

Rouban portas e ventás dun edificio do concello de Muras acabado de rehabilitar

O volume do material subtraído ascende a 45.000 euros

O concello recepcionara a obra da rehabilitación hai un mes

Unha dos cristais das ventás tirado no chan da antiga escola unitaria
G24.gal 21/01/2025 13:53

En Muras os ladróns roubaron toda a carpintería de portas e ventás da antiga escola unitaria de Irixoa que o Concello acababa de remodelar para utilizarse para actividades sociais. O valor do material subtraído anda nuns 45.000 euros.

Non hai nin un mes que o concello de Muras recepcionara a obra de rehabilitación da antiga escola unitaria de Irixoa destinada a albergar actividades sociais. Pero todo iso vai ter que esperar porque os ladróns a deixaron inservible. Levaron todas as portas e ventás acabadas de instalar. No chan quedaron espallados os restos das cristaleiras rotas. 

Vendo as grandes dimensións de portas e ventás, no Concello ninguén se explica moi ben o obxectivo do roubo. As fiestras teñen unha altura de máis de dous metros. Foron feitas a medida e non van ser fáciles de encaixar noutro edificio. 

"Iso ten que ser por facer mal, porque a iso non lle poden sacar partido económico. Puro vandalismo"; "Esas ventás tan grandes onde as pos?".

Aínda que sen chegar a este nivel de destrución, nin a estas cifras no valor do subtraído, o certo é que os veciños de Muras están sorprendidos ante a sucesión de roubos rexistrados no concello nos últimos tempos. O último nun supermercado do que levaron aceite e chocolate valorados nuns 3.000 euros.

O Concello denunciou o roubo no edificio da escola unitaria, que está investigando a Garda Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade