Asaltan unha cafetería de Ourense rebentando a porta de cristal
Asaltan unha cafetería de Ourense rebentando a porta de cristal
Revolveron todo e marcharon coa caixa rexistradora con 200 euros en cambio e coas propinas
É a terceira vez que rouban neste bar dunhas céntricas galerías da cidade
A Policía Nacional investiga se os numerosos roubos en negocios de Ourense gardan relación
Continúa a vaga de roubos en negocios da cidade de Ourense que manteñen preocupados os comerciantes. Entre os últimos asaltos está o dunha cafetería situada nunhas céntricas galerías comercias. Os ladróns rebentaron a porta de cristal, revolveron todo e fuxiron coa caixa rexistradora e as propinas. É a terceira vez que lle entran deste xeito.
A propietaria da cafetería soubo que lle entraran roubar, rebentándolle a porta, polo panadeiro que lle deixa o pan ás seis da mañá, que a chamou.
Do primeiro que se decatou foi que marcharon coa caixa rexistradora que tiña uns 200 euros en cambio. Tamén roubaron as propinas e puxeron o bar e a cociña patas arriba para dar con algo de valor.
Ten medo e é que esta é xa a terceira vez que lle rouban neste negocio que está dentro dunhas céntricas galerías comerciais de Ourense.
Preocupa moito aos comerciantes a vaga de roubos que está habendo en tendas da cidade. A Policía Nacional recolleu pegadas e investiga se os numerosos roubos acontecidos en Ourense no último mes gardan relación.