Un taller de Viveiro especialízase en xoias con leite materno ou con cinzas de persoas ou mascotas
Un taller de Viveiro especialízase en xoias con leite materno ou con cinzas de persoas ou mascotas
Chegaron a recibir unha encarga co pelo dunha avoa ou coas pegadas dixitais dun naipelo falecido prematuramente
Neste innovador taller de xoiería viveirense especializáronse na fabricación de artigos persoais e exclusivos. Entre eles, xoias elaboradas con leite materno ou con cinzas de persoas ou mesmo de mascotas finadas.
Tanto é así, que os artífices do obradoiro, Adriana Rivas e Diego Paz, incluso chegaron a recibir unha encarga co pelo dunha avoa ou coas pegadas dixitais dun naipelo falecido prematuramente.
Adriana Rivas, xoieira: "Xa faciamos cousas con cinzas de persoas ou de mascotas falecidas, e animámonos a probar. Noutros casos, pasamos a engadir flores, como de ramos de noivas e teas dos seus vestidos ou dos traxes dos noivos".
Outra das propostas de Ars Xoias son as pezas confeccionadas con diferentes tipos de ouro. Segundo destacan, só eles as traballan con leite materno, e xa expuxeron obras nas principais cidades de España, Italia ou os Estados Unidos.
Diego Paz, xoieiro: "Cando alguén lle dá importancia ao valor do que entrega e quere ter, fai un desembolso maior, e nós entramos nese sector tan diferenciado do traballo en ouro, que dá uns resultados por por riba do nivel".
Adriana Rivas, xoieira: "Dependendo das cantidades de materiais que se engaden ao ouro, conséguense diversas cores, como amarela, vermella ou branca. Tamén hai quen nos trae ouro da familia, como dentes, moas ou aneis".
E tratándose de Viveiro, outra das liñas de deseño coas que traballan neste taller é 'Rock and Steel', que se centra nas encargas, tamén en liña, dos asiduos ao Resurrection Fest.