Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Garda Civil investiga a entrada nas casas de dous avogados e do arquitecto do mozo de Ayuso

A Garda Civil investiga a entrada nas casas de dous avogados e do arquitecto do mozo de Ayuso

A avogada Guadalupe Sánchez denunciou ante a Garda Civil o roubo do seu computador e a entrada no seu domicilio o pasado 10 de xaneiro

O propio González Amador tamén denunciou unha entrada no seu vehículo, que se atopaba aparcado no seu lugar de traballo

G24.gal 21/01/2025 10:12 Última actualización 21/01/2025 15:02

A Garda Civil investiga varias presuntas entradas nas vivendas de dous dos tres avogados de Alberto González Amador, a parella da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, nun dos cales subtraeron un computador dunha letrada, así como a entrada na casa do arquitecto que reformou o ático onde vive Ayuso.

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, confirmou o roubo dun computador e a violación das casas de dous dos avogados da súa parella. "Isto estase investigando por parte das autoridades pertinentes, pero cónstame que é así", contestou Díaz Ayuso nun almorzo informativo. "Por agora, non podo dar moita máis información, pero é así, é correcto", apostilou.

Segundo avanzou El Confidencial e confirmaron a EFE fontes da defensa de González Amador, a avogada Guadalupe Sánchez, que representa a este na causa na que se investiga a suposta revelación de segredos por parte do Fiscal Xeral do Estado, denunciou ante a Garda Civil o roubo do seu computador e a entrada no seu domicilio o pasado 10 de xaneiro.

Da mesma maneira, o avogado Carlos Neira, que defende a Amador na causa que segue contra el por presunta fraude a Facenda, denunciou á Garda Civil a apertura forzada e entrada na súa segunda residencia, onde estivo en Nadal e desde onde traballou no caso. Este letrado xa denunciou no pasado o ‘hackeo’ ao seu correo electrónico profesional e persoal, un proceso no que xa existen dilixencias xudiciais, segundo detalla EL Confidencial.

Ademais, o arquitecto encargado da reforma do piso en Madrid onde residen Díaz Ayuso e González Amador, que tamén estivo no foco da polémica polos permisos de obras, denunciou a entrada no seu domicilio a pasada fin de semana por parte de dúas persoas, que entrarían de madrugada cunha lanterna.

O propio González Amador tamén denunciou unha entrada no seu vehículo, que se atopaba aparcado no seu lugar de traballo. Os presuntos ladróns non levaron a documentación nin o diñeiro que había dentro, aseguran as mesmas fontes.

O xuíz do Supremo que investiga esta causa tomoulles declaración esta mañá aos xefes de comunicación da Fiscalía do Estado e da Fiscalía de Madrid. 

"Estamos vendo unha operación de Estado contra un adversario político. Unha persecución contra alguén ao que se lle vulneraron todos os seus dereitos. Isto é o que está levando a poñer contra as cordas, ao Fiscal Xeral do Estado, a Presidencia do Goberno e moitos ministros",  explica Isabel Díaz Ayuso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade