Publicador de contidos
Publicador de contidos

O concello de Vigo suspende a licenza das obras da Xunta para un centro de asociacionismo

O concello de Vigo suspende a licenza das obras da Xunta para un centro de asociacionismo

Suspende a reforma dunhas instalacións dos antigos xulgados ata aclarar, di, a titularidade do inmoble

A administración autonómica lamenta as "trabas" do goberno municipal e mantén que o edificio foi cedido polo Estado "en propiedade"

Exterior da fachada do edificio dos antigos xulgados de Vigo, na rúa Lalín. EUROPA PRESS Exterior da fachada do edificio dos antigos xulgados de Vigo, na rúa Lalín. EUROPA PRESS
G24.gal 21/01/2025 19:50

O Concello de Vigo decidiu suspender preventivamente a licenza outorgada á Xunta para reformar un dos antigos edificios xudiciais da cidade, o situado no número 4 da rúa Lalín, tras constatar que o inmoble figura no Rexistro da Propiedade como de titularidade municipal. A administración autonómica prevé crear nel un centro para asociacións e entidades sociais.

Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, María José Caride, nunhas declaracións remitidas aos medios, a licenza foi concedida o pasado novembro (aínda que foi solicitada en febreiro pola Xunta, que tivo que emendar diversos requirimentos do concello antes da concesión). Agora, a administración municipal "tivo coñecemento de que o inmoble onde se construíu o edificio obxecto das obras é de propiedade municipal" e así figura inscrito no Rexistro da Propiedade.

Así mesmo, sinalou que non consta ningún outro título da administración autonómica "distinto do traspaso xeral de competencias da administración do Estado en materia de Xustiza" á Xunta. Polo tanto, esa cesión "circunscríbese expresamente á edificación levantada sobre a leira rexistral municipal, non ao solo", e cínguese aos usos previstos. É dicir, aos xudiciais.

María José Caride incidiu en que a construción dun edificio para outros usos diferentes, como sería o caso, "podería supoñer un prexuízo para o interese público municipal" e "xerar responsabilidades administrativas e legais".

Por iso, a Xerencia de Urbanismo decidiu, como "medida cautelar", suspender o prazo de inicio das obras, pero "non é unha anulación" da licenza, segundo matizou a concelleiro socialista. Por outra banda, puntualizou que a Xunta "é perfectamente coñecedora" desta situación, porque pediu ao Rexistro da Propiedade "que acreditase quen era titular" do inmoble.

Caride remarcou que a decisión de suspender o prazo de obras desa licenza responde á necesidade de "garantir" o interese público, e reiterou que é "cautelar", mentres non se "determine en dereito a propiedade do inmoble".

Resposta da Xunta

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lamentou que esta decisión "é outro exemplo dos que pasa en Vigo nos últimos anos". "É a proba de que o alcalde necesita un inimigo exterior co que estar en continuo enfrontamento", sinalou.

Segundo explicou, a Xunta acaba de recibir a notificación do concello sobre a suspensión de licenza, "porque consideran que o edificio pode pertencer ao concello", e pediu a Abel Caballero "que deixe esta postura, que non beneficia a Vigo nin ás entidades ás que vai destinado o edificio".

Tras lembrar que a reforma do inmoble ten prevista unha dotación de 24 millóns de euros, insistiu en que os investimentos da Xunta na cidade olívica "non son para atacar ao alcalde, senón para mellorar a calidade de vida dos veciños". "Outras cidades poñen unha 'ponte de prata' para facer investimentos, no caso de Vigo, cada vez que a Xunta quere investir, póñense todo tipo de trabas e de desculpas", censurou.

Diego Calvo explicou que "isto non vai facer máis que atrasar ese investimento", cando hai "moitísimas" entidades sociais, veciñais ou deportivas que están a esperar para ter un local no novo edificio.

Dado de alta no inventario de bens autonómicas

Fontes autonómicas matizaron que o edificio da rúa Lalín foi transferido polo Estado "en propiedade e sen vinculación de destino". Apuntaron que tanto a parcela como o edificio foron dados de alta no Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma, "sen condicionamento de ningún tipo" e tamén se deu de alta no Catastro inmobiliario a nome da Xunta que, de feito, en 2024 pagou 41.240 euros en concepto de IBI.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade