Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda anuncia unha liña de axudas de 800.000 euros para o turismo termal

Rueda anuncia unha liña de axudas de 800.000 euros para o turismo termal

O presidente visitou o Espazo Lúdico de Teáns, o conxunto de termas ao aire libre máis grande de Galicia

G24.gal 03/07/2022 18:44 Última actualización 03/07/2022 19:07

O presidente da Xunta Alfonso Rueda salientou este domingo a aposta da Xunta polo turismo termal cunha liña de axudas de máis de 800.000 euros para que os municipios beneficiarios poidan mellorar estes espazos de lecer e benestar.

Durante unha visita ao Espazo Lúdico Termal de Teáns, en Salvaterra de Miño, dixo que estas achegas van permitir mellorar tamén as termas das Burgas, de Bañiño (Punxín) e de Barbantes (Cenlle).

Segundo Reuda, Teáns é "un espazo singular e cun gran potencial turístico", ao que o Goberno galego tamén concedeu unha subvención de 62.500 euros para a adquisición de maquinaria e mellora de espazos verdes.

Rueda destacou que Galicia é a maior potencia termal de España e "unha das principais de Europa", con máis de 300 reservas de augas mineromedicinais. A comunidade autónoma conta con 21 balnearios (seis con Q de Calidade), once espazos termais e tres centros de talasoterapia.

“Somos unha potencia en termalismo e aínda nos queda moito camiño por percorrer e evolucionar, facendo as cousas como se están facendo ata o de agora”, dixo.

O presidente lembrou que o termalismo "é un dos motores turísticos de Galicia", como demostra o feito de que cada ano uns 150.000 usuarios visitan as instalacións termais da comunidade. Isto tradúcese, asegura, nunha facturación próxima aos 60 millóns de euros e 1.400 empregos directos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade