Rueda empraza os galegos no exterior a aproveitaren as "oportunidades" de Galicia
Rueda empraza os galegos no exterior a aproveitaren as "oportunidades" de Galicia
A Xunta seguirá mantendo o nivel de axuda aos galegos residentes no exterior, aos que pediu sentirse "partícipes da construción da nova Galicia"
O presidente da Xunta Alfonso Rueda emprazou a todos os galegos residentes no exterior a se acolleren ás medidas previstas na Estratexia Galicia Retorna, ante as oportunidades que, segundo dixo, ofrece a comunidade autónoma no ámbito laboral.
Foi tras a súa chegada á Arxentina e na primeira visita institucional despois da súa toma de posesión como titular do Executivo galego.
Ao pouco de aterrar, Rueda incidiu no seu obxectivo de reforzar as relacións institucionais, económicas e culturais co país e trasladar as medidas que ten en marcha a Xunta para facilitar o retorno dos galegos no exterior.
Todo iso nunha viaxe en que se reunirá co xefe de Goberno de Buenos Aires Jorge Macri, o gobernador da provincia de Chubut Ignacio Torres e a embaixadora de España na Arxentina María Jesús Alonso.
"Os que queiran volver, teñen unha oportunidade", incidiu o presidente da Xunta en declaracións aos medios.
Ademais, a preguntas dos xornalistas, asegurou que a Xunta seguirá mantendo o nivel de "axuda" aos galegos residentes no exterior, aos que pediu sentírense "partícipes da construción da nova Galicia". "É necesaria máis xente que veña a traballar", engadiu.
Unha visita centrada tamén no sector pesqueiro
Alfonso Rueda avogou ademais por manter unha "canle aberta" coas autoridades arxentinas en relación aos asuntos pesqueiros, outra das cuestións que centrará a súa viaxe.
O presidente da Xunta visitará plantas pesqueiras de varias compañías galegas.
Cuestionado polas medidas anunciadas inicialmente polo Goberno arxentino en relación co sector pesqueiro, Rueda asegurou que "a inquietude inicial" que xerou en empresas galegas "parece que se pode suavizar".
"Parece ser que o que se anunciaba non vai ser así", expuxo Rueda.
O presidente galego asegurou que as empresas galegas con sede na Arxentina son "un motor económico importante".
Por todo iso, avogou por "atopar fórmulas respectando a capacidade de decisión dun goberno" e pediu esperar ao contido das súas reunións nesta viaxe con autoridades arxentinas e a que manterá á volta co embaixador da Arxentina en España.