Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda esixe ao Goberno que convoque a Conferencia de Presidentes

Rueda esixe ao Goberno que convoque a Conferencia de Presidentes

Do contrario aprobarán un recurso por incumprimento o vindeiro luns na reunión do Consello

Sete autonomías do PP recorrerán a non convocatoria da Conferencia de Presidentes

G24.gal 23/07/2024 15:11 Última actualización 23/07/2024 17:27

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, insistiu en esixir ao Goberno a convocatoria da Conferencia de Presidentes de forma "inmediata" xa que, de non facelo, aprobarán un recurso por incumprimento o vindeiro luns na reunión do Consello. Para Rueda, a súa celebración é "imprescindible", ademais de "obrigatorio" desde o punto de vista legal.

"O presidente do Goberno leva meses incumprindo a lei. É certo que había que deixar un prazo prudencial, pero non tivemos absolutamente ningunha noticia e, mentres, estamos a ver como moitas das cousas que pediamos que se tratase na Conferencia de Presidentes están a ser decididas de forma unilateral polo presidente, sen falar coas comunidades autónomas", defendeu Rueda.

Para Rueda, a convocatoria da conferencia é algo "beneficioso, necesario e imprescindible", ademais de "obrigatorio desde o punto de vista legal".

Ante esta actitude do Goberno central, apunta, a Xunta de Galicia recorrerá a non convocatoria. "Oxalá non fose necesario, oxalá que o Goberno entre canto antes en razón porque o que queremos é falar. É un dereito e é tamén unha obrigación para o presidente do Goberno", asegurou.

Falta de diálogo sobre a chegada dos migrantes

O responsable do Executivo galego valorou tamén a modificación da lei de estranxeiría que se debate este martes no Congreso.

A este respecto, Alfonso Rueda volveu a pedir "facer as cousas ben" en todo o que ten que ver coa acollida de migrantes e censurou que o que quere facer o Goberno é "modificar a lei para dicir que é obrigatorio para as comunidades acoller migrantes".

Critica a falta de diálogo do Executivo central, censurando que "todo o que ten ver coa planificación previa, todo o que ten que ver co financiamento necesario para atender estas persoas; todo isto que é un drama humano, o Goberno está a tratar de sacalos -os migrantes- de encima mandándoos ás comunidades autónomas".

Por contra, apuntou, reivindicou a "boa vontade" de Galicia respecto á acollida de migrantes, tanto cos menores acordados na Conferencia Sectorial de hai unhas semanas como cos adultos que se prevé que cheguen a Galicia nuns días.

Así mesmo, sinala que, de convocarse finalmente a Conferencia de Presidentes, este tema debería ser un dos abordados. "O Goberno teno fácil: se quere que se aprobe esta lei o que ten que facer é falar coas comunidades autónomas para que as cousas se fagan ben desde o principio",

"Non temos ningún ánimo de negarnos a acoller estas persoas, que veñen fuxindo de auténticos dramas (...). Desde logo, non imos facer como os socios do Goberno, que se negan directamente a atender estas persoas", aseverou, insistindo na necesidade de dispoñer de información para atender "o mellor posible" estas persoas e "favorecer a súa integración".

Sete autonomías do PP recorrerán a non convocatoria da Conferencia de Presidentes

Os gobernos autonómicos do PP de Galicia, Aragón, Baleares, Castela e León, Comunidade Valenciana e Murcia anunciaron que recorrerán xudicialmente contra a non convocatoria da Conferencia de Presidentes por parte do executivo de Pedro Sánchez, como xa adiantou o de Madrid a semana pasada.

Estes e outros executivos de comunidades e cidades autónomas que levan meses pedindo a convocatoria deste órgano multilateral de cooperación queren debater nel co Goberno central sobre asuntos como a inmigración, o financiamento autonómico, a falta de médicos ou a política da auga.

Estes anuncios coinciden co debate no Congreso sobre a toma en consideración da proposta de reformar da lei de estranxeiría, no marco da cal o PP pediu ao Goberno, entre outras cousas, que se reúna a Conferencia de Presidentes de forma "inmediata" para abordar este asunto.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos