Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda inaugura unha feira de emprego en Bos Aires para captar talento galego

Rueda inaugura unha feira de emprego en Bos Aires para captar talento galego

A Xunta ofrece facilidades a 200 persoas para que sexan contratadas e podan vir traballar e vivir a Galicia

Segundo o Goberno galego, na Arxentina residen uns 180.000 galegos e descendentes de galegos

O presidente Alfonso Rueda asiste a unha feira de emprego en Bos Aires (EFE/Juan Ignacio Roncoroni)
G24.gal 07/03/2025 11:28

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inaugurou este xoves en Bos Aires unha feira de emprego destinada a captar talento galego, logo de reunirse con autoridades do Goberno de Javier Milei, como parte da súa xira pola Arxentina e O Uruguai para reforzar relacións institucionais.

"Un novo traballo, lugar e contorna, Galicia ábrelles os brazos. Somos terra de inmigración e os galegos hai moitos anos foron acollidos aquí e puideron empezar unha nova vida. Quero dicirlles que teñen unha oportunidade", dixo Rueda durante unha rolda de prensa.

Con esas palabras, o presidente da Xunta resumiu o plan Estratexia Retorna para que descendentes de galegos regresen á terra dos seus antepasados ante a demanda de man de obra cualificada en Galicia.

"Creo que o obxectivo ímolo cumprir. Case 1.000 persoas pasaron por estas instalacións, primeiro a buscar información e logo para tomar unha decisión vital, que é decidir, sen romper as raíces co seu pobo, iniciar unha nova vida na terra dos seus antepasados", engadiu Rueda.

Segundo a Xunta, na Arxentina residen uns 180.000 galegos e descendentes de galegos, moitos dos cales manteñen vínculo con algunha das 42 entidades representativas da súa comunidade.

"Creo que podemos ter moitísimas oportunidades" do acordo entre o Mercosur e a Unión Europea

O máximo representante galego mantivo unha reunión co xefe de Gabinete arxentino, Guillermo Francos, coa intención de ampliar o alcance do plan de traballo e realzar o atractivo de Galicia para potenciais investidores.

"Conteille cales eran os obxectivos da viaxe e esta feira de emprego, as circunstancias actuais de Galicia, os intereses que nos seguen unindo. A presenza de galegos sempre vai ser decisiva nas decisións que tomemos desde a Xunta e o noso máximo interese é ter as mellores relacións posibles co Goberno arxentino", reafirmou Rueda.

Desde a Xunta de Galicia indican que un acordo Mercosur-Unión Europea permitirá reforzar a integración comercial e abrir novas oportunidades de negocio.

"Falamos tamén das posibilidades que se lle abren agora, tanto a Galicia como a Arxentina no marco do Mercosur, e creo que podemos ter moitísimas oportunidades desa unión", agregou o presidente.

A feira de emprego en Bos Aires espera poder atraer traballadores cualificados e cubrir vacantes en sectores estratéxicos de Galicia, onde ofrecen unha serie de apoios a 200 persoas que sexan contratadas para que poidan mudarse e acceder a servizos de vivenda, sanidade e educación.

Segundo o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración de Galicia, José González, ofertáronse uns 500 postos de traballo e na Arxentina houbo 1.500 persoas rexistradas ao programa.

"En termos xerais, hai demanda de todos os sectores económicos e todo tipo de cualificación: demanda no sector do metal, a construción, xefes de obra, arquitectos e enxeñeiros", exemplificou González nunha rolda de prensa.

"O obxectivo é que as nosas empresas fagan as entrevistas a aqueles que se adecúen a esas ofertas. No caso de que non coincidan cos postos que estamos a ofrecer, tamén temos a xente do Servizo Público de Emprego de Galicia para facer entrevistas, porque hai outras empresas que demandan outro tipo de traballadores".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade