Rueda salienta o papel das entidades galegas no Uruguai como embaixadoras do país
O presidente da Xunta reuniuse con colectivos galegos e gabou o seu labor
Alfonso Rueda está no Uruguai nunha visita oficial cun obxectivo dobre: reforzar as relacións institucionais e apoiar as entidades galegas alí. O presidente da Xunta asegurou este domingo que son "as mellores embaixadoras de Galicia" no país latinoamericano.
Nunha reunión coa colectividade na sede deportiva do Centro Galego de Carrasco, en Montevideo, agradeceu a oportunidade que lle ofrece esta viaxe "para estreitar vínculos tanto a nivel cultural como empresarial" e coñecer mellor as necesidades da emigración neste país.
Acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o presidente salientou "o labor destas entidades e o seu esforzo por constituír unha das comunidades galegas máis importantes" a nivel global.
Galicia Retorna
Así mesmo, reiterou o compromiso do seu Goberno "para que todas as persoas que queiran volver a Galicia poidan facelo e se sintan acollidas". Neste sentido, lembrou a estratexia Galicia Retorna que ofrece medios para facilitar o regreso á terra de orixe.
Rueda ofreceu o apoio da Xunta para que as comunidades galegas en todos os países do mundo "se sintan acompañadas e para que cada día haxa unha relación máis estreita e forte cos galegos do exterior".
Importante presenza de empresas galegas
Destacou a "importante" presenza de empresas galegas no país que "están a crear riqueza aquí desde hai moito tempo", poden contribuír a aumentar as exportacións de produtos galegos e servir "como porta de entrada de todos os produtos que queira trasladar o Uruguai cara a Europa".
O presidente da Xunta atópase desde o 6 de marzo na Arxentina e no Uruguai, onde se entrevistou con autoridades de ambos os dous países e representantes da colonia galega, nunha viaxe que conclúe este luns.
