Rueda defende na Arxentina o liderado feminino como camiño cara á igualdade real
Este domingo reunirase coa colectividade galega no Uruguai e o luns reunirase co novo presidente
Alfonso Rueda viaxa este domingo ao Uruguai, onde se reunirá este luns co novo presidente do país, que tomou posesión do cargo hai unha semana. Antes, esta tarde, manterá un encontro coas entidades galegas.
No Uruguai viven máis de 40.000 galegos e para coñecer as súas necesidades e propostas, o presidente da Xunta reunirase cos representantes dos centros da colectividade, como fixo estes días na Arxentina.
O presidente da Xunta pechou a visita oficial a Bos Aires no Centro Galego de Avellaneda para asistir a un acto de homenaxe ás mulleres da emigración coincidindo co 8 de marzo.
Mulleres destacadas
No acto de entrega da distinción A Barca de Sálvora, que recoñece mulleres destacadas da colectividade, agradeceulle á entidade o seu papel para axudar a preservar a cultura galega en todo o país.
Rueda chamou a sacar do esquecemento as mulleres que con valentía, dixo, escribiron a historia da emigración galega e salientou a importancia do seu liderado e talento para emprender o camiño cara a unha igualdade real e efectiva.
As tres galardoadas foron: Victoria Pazos, do ABC de Corcubión; María Luján Martínez Turnes, da Asociación Galega Residentes de Mos; e María Fernández Torres, de Residentes do Grove.

O máis antigo da Arxentina
Con 125 anos de historia, este centro é o máis antigo da Arxentina e o terceiro do mundo. Cada 8 de marzo homenaxean mulleres destacadas da colectividade, emigrantes ou descendentes delas, que reivindican o labor que fan na nas entidades do exterior.
Este ano, no que as Letras Galegas se dedican ás cantareiras, houbo mención especial tamén para as agrupacións de cantoras da colectividade. Elas e as bailadoras acompañaron a Xabier Díaz na actuación musical que pechou o acto.