Maiores e adolescentes comparten experiencias da emigración
Maiores galegos retornados contan as súas experiencias ao alumnado de diferentes colexios a través do programa de Afundación Fálame de emigración
No colexio Padre Feijoo de Ourense o 80 por cento son alumnos e alumnas procedentes do estranxeiro polo que puideron comprobar como viviron semellantes procesos
Fálame da emigración é o programa de Afundación en que os maiores contan as súas experiencias como emigrantes a alumnos da ESO de diferentes colexios do país. Este xoves estiveron nun colexio moi especial: O centro escolar con máis porcentaxe de alumnado procedente do estranxeiro. Así que as historias foron de ida e volta.
Con 26 anos Pilar marchou para Suíza traballar deixando cos avós a súa filla de só dous anos: "Tivemos que emigrar para buscar unha vida mellor".
Dende unha aldea da montaña ourensá ata París tivo que emigrar Francisco, moi mociño, el só: "A primeira carta choraba coma unha madalena, botaba de menos, nunca marchara da aldea".
Escoitan estas historias, como tantas outras da emigración galega, alumnos e alumnas do colexio Padre Feijoo de Ourense, un oitenta por cento deles de familias migrantes.
Sentimentos de desarraigamento e de necesidade. Como a dun mozo marroquí de 15 anos que chegou a España a nado buscando unha vida digna.
Valentina veu de Guinea Ecuatorial coa súa familia cando tiña 6 anos. Hoxe entre maiores e adolescentes analizaban as semellanzas nas súas complicadas vidas: "Todos saímos para buscarnos a vida, algo mellor".
"O pobo galego é un pobo de emigrantes por iso a nosa mente ten que estar aberta a recibir alumnos e alumnas de calquera procedencia", sentenza Beatriz Temes, a directora do colexio Padre Feijoo.