Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta estuda reclamar as competencias sobre permisos de traballo a estranxeiros

A Xunta estuda reclamar as competencias sobre permisos de traballo a estranxeiros

Con esta medida pretende "facilitar" a chegada de traballadores estranxeiros a Galicia, ante a "necesidade" de cubrir postos polo "declive demográfico"

O presidente cre que a Xunta "pode exercelas mellor": "Non queremos competencias porque si, teñen que ser aquelas que sexan realmente útiles"

A Xunta asina este mércores co Goberno o traspaso de competencias do litoral a Galicia

EFE/ Blanca Millez
G24.gal 08/04/2025 12:04

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este martes que "non descarta" reclamar ao Goberno central as competencias de permisos de traballo e residencia para facilitar a chegada de traballadores estranxeiros a Galicia, ante a "necesidade" de cubrir postos polo "declive demográfico".

"Non descartamos, igual que fixeron outras comunidades autónomas, en colaboración e en negociación co Goberno de España, asumir competencias en materia de permisos de traballo vinculados a permisos de residencia, todo o que sexa necesario para poder facilitar a vida das persoas que se despracen a Galicia", expresou Rueda.

Anunciouno este martes en Madrid o xefe do Goberno galego na sinatura dun acordo "pioneiro" cos embaixadores de catro países latinoamericanos para atraer traballadores dos seus países.

É a primeira vez que unha comunidade autónoma asina un convenio con outros países para favorecer a captación de traballadores. A Xunta alíase con Colombia, Honduras, Ecuador e Paraguai para facilitarlles a homologación de títulos, certitificados profesionais ou a formación en orixe a persoas que desexen vir a Galicia a traballar en sectores que non conseguen cubrir vancantes. "Reunímonos nun momento clave en que as necesidades do mercado laboral galego coinciden co talento e as aspiracións de miles de cidadáns latinoamericanos", explicou Eduardo Ávila, embaixador de Colombia en España.

O presidente galego aposta por que Galicia adquira competencias "directamente conectadas coa súa utilidade": "Non queremos competencias porque si, non se trata de cubrir un número e dicir que as tes e nada máis, teñen que ser aquelas que sexan realmente útiles e agora mesmo poucas se me ocorren máis útiles que esta".

Por iso, sacou peito do acordo asinado, que proporcionará "beneficio mutuo", sinalando que "ningunha comunidade autónoma había asinado un convenio deste tipo coa representación de catro países" e que é un "primeiro paso" que axudará a comprobar se "é necesario dar un paso máis".

E de ser así, "farémolo sen ningunha dúbida e, desde logo, a día de hoxe é unha das competencias que nos expomos", apostilou Rueda.

Cre que a Xunta pode exercelas mellor

Sobre se sería unha cesión, unha delegación ou un traspaso de competencias, Rueda indicou que a fórmula non é agora o importante, porque "non está nin a negociación empezada".

"Falamos dunha competencia que agora mesmo non está a funcionar, na nosa opinión, coa axilidade que debería e que depende do Estado. Cremos que a Xunta de Galicia pode mellorar esa xestión", engadiu.

Rueda avogou por que Galicia teña "máis intervención" e se poidan cubrir máis axilmente os postos de traballo que están vacantes. "Para iso necesitamos unhas competencias que agora mesmo non temos, que está a exercer o Estado e que, na nosa opinión, á vista, pode exercerse francamente mellor", afirmou.

Respecto diso, o presidente autonómico incidiu en que Galicia atravesa un "declive demográfico" en Galicia, como "en toda España en xeral", que se une a "unha necesidade de cubrir postos de traballo de todo tipo".

"E Galicia, que foi unha comunidade de emigración moitísimo tempo, entende perfectamente a diferenza entre que cando chegas a un país teñas orientación, formación, acollemento ou teñas que facelo dunha maneira moito máis fría, máis complicada, máis dura", dixo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade