Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda pídelle á UE que protexa a conserva no Acordo de Libre Comercio con Tailandia

Rueda pídelle á UE que protexa a conserva no Acordo de Libre Comercio con Tailandia

O presidente da Xunta visitou as instalacións de Jealsa en Boiro

G24.gal 10/05/2023 18:40 Última actualización 10/05/2023 18:52

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediulle este mércores á UE que protexa a conserva galega no Acordo de Libre Comercio que acaba de comezar a negociar con Tailandia. Rueda fixo estas declaracións durante unha visita ás instalacións en Boiro de Jealsa, líder na fabricación de conservas de peixe e marisco, que están a pleno rendementos dous anos despois do incendio que arrasou boa parte da fábrica.

Tailandia é o principal produtor mundial de conservas de atún, e darlle entrada a este produto no mercado comunitario, di a patronal conserveira, sería letal para as industrias españolas do sector, que dan 15.000 empregos directos, a maior parte en Galicia. Por iso reclaman que o atún quede fóra das reducións arancelarias do Acordo de Libre Comercio que acaba de comezar a negociar a UE co país asiático.

Dende Jealsa demandan que Bruxelas lles esixa os mesmos requisitos sanitarios, ambientais e laborais que se piden aquí. 

"Queremos que o resto do mundo se acabe parecendo a Europa e que sexamos o suficientemente responsables lexislando e administrando para que as empresas que estamos aquí e que cumprimos poidamos competir en igualdade de condicións", dixo Jesús Alonso Escurís, presidente da empresa.

Petición á que se suma o xefe do Goberno galego, Alfonso Rueda, que destaca os estándares de calidade da conserva galega.

"Ese Acordo de Libre Comercio ten que ter en conta a enorme calidade e a diferenza que hai agora entre o que fai aquí, Galicia ten a mellor conserva do mundo, e o que se fai noutros lugares. Polo tanto, a UE ten que ter todo iso en conta para asinar un convenio que protexa unha industria que é excelente".

O presidente afirmou que a Xunta seguirá apoiando o sector con medidas como a lei do litoral, que servirá, dixo, para darlles seguridade ás conserveiras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade