Rueda sobre Besteiro: "Agardo que o PSOE non busque arranxar cuestións internas"
Rueda sobre Besteiro: "Agardo que o PSOE non busque arranxar cuestións internas"
Rueda agarda que non responda a solucionar a sensación de provisionalidade e falta de liderado dos socialistas galegos
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofrécelle colaboración ao novo delegado do Goberno en Galicia, Xosé Ramón Gómez Besteiro, e pídelle "coordinación" co executivo autonómico. En declaracións aos medios en Marín, Rueda agarda que o nomeamento de Besteiro non sexa un movemento dos socialistas para solucionar, di, os "problemas de liderado" do partido en Galicia.
O xefe do Goberno galego apunta que é necesaria a coordinación entre os executivos central e autonómico para que as as cuestións que dependen de Madrid "funcionen fluidamente", e engade que esa é unha tarefa dun delegado do Goberno.
Rueda tamén afirma que agarda que o nomeamento de Besteiro non responda a solucionar a "sensación de provisionalidade e falta de liderado" do PSdeG.
"Espero que non sexa un movemento do partido socialista para arranxar as súas cuestións internas. Espero que se faga máis en clave de pensar en Galicia e en que funcione a administración que noutras claves que non serían tan desexables".