Rusia ameaza con subir o prezo do gas máis do 40 por cento
Rusia ameaza con subir o prezo do gas máis do 40 por cento
O incremento dos prezos está permitindo ao Estado ruso manter os ingresos pola exportación de hidrocarburos a pesar das sancións e da redución da subministración cara á UE
Rusia ameaza con subir o prezo do gas máis do 40 por cento cara a finais de ano.
O subxefe do Consello de Seguridade de Ruisa e expresidente, Dmitri Medvédev, prognostica un prezo de 5.000 euros para cada mil metros cúbicos desde os 3.500 actuais.
"Debido ao aumento dos prezos do gas ata os 3.500 euros por cada mil metros cúbicos, véxome obrigado a revisar á alza o custo previsto ata os 5.000 euros para finais de 2022", escribiu na súa canle de Telegram.
Dirixíndose aos xefes de Estado e de Goberno dos países da Unión Europea (UE), Medvédev agregou: "Cos mellores desexos".
A mensaxe inclúe un debuxo dun malencarado home barbudo cun gran parecido a Rasputin cunha vela na man e ao fondo dúas torres petrolíferas.
Debido á alza dos prezos, e incluso a pesar da redución actual da subministración á Unión Europea, Rusia pode ingresar 20.000 millóns de dólares nun trimestre pola exportación de gas, segundo os cálculos dos expertos.
Segundo eses cálculos, Rusia pode permitirse suspender a subministración de gas a Europa durante un ano sen apenas sufrir perdas, se se manteñen os actuais niveis de prezos e exportación de petróleo.