Publicador de contidos
Publicador de contidos

As tropas rusas reagrúpanse ao norte de Kíiv para cercar a capital ucraína

As tropas rusas reagrúpanse ao norte de Kíiv para cercar a capital ucraína

G24.gal 12/03/2022 08:23 Última actualización 11:00

O asalto a Kíiv podería ser inminente. As tropas rusas estanse reagrupando ao norte da capital, cunha longa ringleira de tanques e artillería lista para disparar, cando se cumpren 16 días do inicio da invasión.

Mentres a cifra de persoas que foxen do país non para de aumentar (2,5 millóns), Putin intensifica a súa ofensiva no oeste de Ucraína, con bombardeos en dúas cidades moi próximas ás fronteiras coa Unión Europea. 

As localidades de Lutsk, preto de Polonia, e de Ivano- Frankivsk, cerca de Moldova, sufriron ataques segundo Mijailo Podoliak, asesor do xefe da Oficina do Presidente de Ucraína, na súa conta de Twitter.

Pola súa banda, o Ministerio de Defensa ruso informou do avance das súas forzas once quilómetros máis cara ao interior do país, en rexións do sueste ao redor da zona separatista do Donbás.

Segundo o invasor, dende o inicio da ofensiva destruíron máis de 3.200 puntos de infraestrutura militar, 98 avións, 1.041 tanques e outros vehículos blindados ucraínos.

Mísiles a Belarús

O Ministerio de Defensa de Ucraína asegurou que Rusia lanzou un ataque con mísiles desde o espazo aéreo ucraíno cara ao territorio belaruso, no pobo de Kopani, para tratar de involucrar o país na ofensiva. Con todo, o Ministerio de Defensa de Belarús desmentiuno e dixo que eran "noticias falsas".

Sancións dos EUA

O presidente de Estados Unidos, Joe Biden, anunciou novas sancións comerciais do seu país contra Rusia como represalia pola invasión de Ucraína, entre elas, a rechamante prohibición de importar dous dos produtos rusos máis simbólicos: o vodka e o caviar.

En concreto, non permitirá a entrada polas súas aduanas de vodka, diamantes, peixe e mariscos de Rusia, produtos aos que Biden referiuse como "distintivos" da economía rusa.

A OTAN non tolerará ataques ao seu territorio

A vicepresidenta dos Estados Unidos, Kamala Harris, reafirmou en Romanía a súa promesa de que a OTAN "defenderá cada centímetro do seu territorio" e calquera Estado membro no caso de que sufra un ataque.

Harris viaxou a Bucarest na escala final dunha mini-xira que a levou a Polonia e serviu para mostrar o apoio dos EUA aos dous países da OTAN que teñen as fronteiras máis extensas con Ucraína.

A UE quere pechar a billa do gas e do petróleo

Os países da UE consideran que a invasión de Ucraína esixe rachar a súa dependencia enerxética de Moscova e van programar o peche da billa do gas e do petróleo rusos. Porén, decidiron facelo de xeito progresivo para evitar un impacto elevado nas súas economías.

Nun cume de dous días celebrado en Versalles acordaron encargarlle á Comisión Europea a elaboración, de aquí a mediados de maio, dun plan detallado sobre o xeito de reducir este ano en dous terzos as compras de gas ruso.

"É algo factible. Non é unha prohibición, senón unha redución", puntualizou este venres ao termo da xuntanza a presidenta da Comisión. Ursula von der Leyen quixo deixar claro que os Vinte e sete se desmarcan do embargo aos hidrocarburos rusos decretado polos Estados Unidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade