Rusia bombardea un teatro en Mariupol en que se refuxiaban centos de persoas
Rusia bombardea un teatro en Mariupol en que se refuxiaban centos de persoas
Non hai datos de vítimas, pero témese que poida ser un masacre
Putin esíxelle a Ucraína que renuncie á OTAN e que adquira un estatus de neutralidade
Rusia di que está preto dun acordo sobre seguridade con Ucraína
O presidente ucraíno interveu por videoconferencia ante os membros do Congreso dos Estados Unidos. Volodomir Zelenski apelou á memoria do 11S e de Pearl Harbor para pedir auxilio á maior potencia de occidente. Volveu reclamar o peche do espazo aéreo de Ucraína ou ben que lles cedan avións e máis defensa. E dirixiu as súas súplicas directamente ao presidente Biden.
"Desexo que sexas o líder do mundo, pero iso implica ser o líder da paz", dixo.
Zelenski trata de recadar apoios porque polo momento o horizonte da paz está lonxe, malia que tanto Rusia coma Ucraína admiten que hai avances nas negociacións.
Segundo transcendeu, ambos os países estudan un documento de 15 puntos coas condicións para un cesamento do fogo. Entre outras cuestións, Rusia quere que Ucraína renuncie a integrarse na OTAN e na Unión Europea, que limite as súas forzas armadas e que adopte un status de neutralidade similar ao de Suecia ou Austria.
Avance da ofensiva bélica. Bombardeo en Mariupol
Pero ao tempo que avanza a vía diplomática avanza tamén a ofensiva bélica rusa en Ucraína. As últimas informacións chegan desde Mariupol, onde un bombardeo esnaquizou un teatro en que se refuxiaba a poboación civil. Non hai datos aínda de vítimas, pero témese que poida ser un masacre.
Rusia pola súa banda nega a autoría deste bombardeo a Mariupol. Houbo ataques tamén na contorna de Kíiv e nas cidades de Kárkhiv, Odesa, Zaporijia ou Chernihiv, onde Ucraína denuncia que un mísil ruso matou dez persoas que esperaban ás portas dunha panadería.
As consecuencias da guerra para Ucraína
A ONU confirma a morte de máis de 700 civís en Ucraína durante os 21 días de invasión rusa. Nalgunhas cidades como Mikolaiv os cadáveres amoréanse na rúa. As organizacións humanitarias denuncian que non se dan as condicións nin para soterralos dignamente.
Tamén advirte a ONU das consecuencias da guerra para a poboación. Asegura que se se prolonga, Ucraína perderá 18 anos de desenvolvemento económico. E que a terceira parte dos ucraínos pasará a vivir na pobreza.