Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rusia cerca Kíiv con bombardeos nas zonas residenciais da capital

Rusia cerca Kíiv con bombardeos nas zonas residenciais da capital

Nove mortos no ataque a unha torre de televisión ao norte de Ucraína

Sae a primeira poboación civil de Mariupol tras dúas semanas de asedio á cidade

Imaxes dun edificio destruído no barrio de Obolon, en Kíiv
G24.gal 14/03/2022 20:07

O exército ruso non logrou aínda entrar en Kíiv despois de 19 días de invasión pero cerca xa a periferia da capital. Este barrio residencial, a escasos oito quilómetros do centro, quedou convertido en cascallos tras un bombardeo de madrugada. A maioría da poboación xa fora evacuada, pero aínda así hai ducias de feridos e polo menos dous falecidos.

Kíiv semella ser o próximo obxectivo das forzas de Putin, que continúan atacando poboación civil por toda Ucraína. Na segunda cidade do país, en Khárkiv, bombardearon nas últimas horas esta gardería. Segundo a Organización Mundial da Saúde, desde o inicio da invasión van 31 ataques a centros sociosanitarios.

As vítimas da guerra medran cada día. As autoridades ucraínas din que tan só en Mariupol van máis de 2.500 falecidos civís. Rusia non permite a entrada de axuda humanitaria e ata agora fracasaran todos os intentos de evacuar a cidade, da que este luns lograron saír uns 160 vehículos particulares con civís fuxindo das bombas e da fame.

Rusia intensifica a ofensiva polo norte

Tras atacar onte a zona oeste de Ucraína, case na fronteira con Polonia, hoxe Rusia intensificou a ofensiva polo norte, polo sur e polo leste do país.

Na rexión norteña de Rivne bombardeou unha torre de televisión. No sueste houbo ataques sobre Donetsk, Mikolaiv ou Zaporijia, onde bombardeou unha base militar moi próxima á central nuclear máis grande de Europa. 

As tropas de Putin non chegaron aínda a Odesa, a xoia do mar Negro e o principal porto comercial de Ucraína. A poboación segue protexendo os principais obxectivos con sacos de area.  

Nunha mensaxe na rúa, o presidente Zelenski chama os ucraínos a resistiren e afirma que as tropas de Putin están cada vez máis debilitadas.

As delegacións dos dous países retomarán este martes a cuarta rolda de negociacións. Nun clima, aseguran, de maior entendemento e en busca dun cara a cara entre Putin e Zelenski.

Negociacións entre Rusia e Ucraína

A delegación ucraína nas negociacións con Rusia informou de que as conversacións sobre a guerra e un posible armisticio foron suspendidas por hoxe, pero co compromiso de renovalas mañá martes.

"Nas negociacións tomamos unha pausa técnica ata mañá para un traballo adicional nos subgrupos e para definir determinadas definicións. As negociacións continúan", asegurou Mikhail Podoliak, asesor da oficina do presidente de Ucraína Volodimir Zelenski.

Os negociadores reuníronse este luns a través de videoconferencia. Na véspera transcendera que os equipos de negociación comezaran a alcanzar certos puntos de contacto nas conversas para alcanzar un cesamento do fogo, pero que iso non supuña que os combates se fosen deter de forma inminente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade