Suspendidos os servizos médicos de emerxencia no norte de Gaza
Suspendidos os servizos médicos de emerxencia no norte de Gaza
Desde hai quince días, o exército hebreo ataca directamente as ambulancias e os equipos de rescate
A Defensa Civil da Franxa de Gaza pídelles ás organizacións humanitarias e á Cruz Vermella que interveñan "antes de que sexa demasiado tarde"
A Defensa Civil da Franxa de Gaza alerta de que os servizos médicos de emerxencia quedaron suspendidos no norte da franxa ante a dura ofensiva israelí, que "mantén baixo asedio os principais hospitais e ataca directamente as ambulancias e equipos de rescate", desde hai vinte días.
O hospital Indonesio Beit Lahia está pechado polos ataques israelís, mentres que o Kamal Adwan, na mesma cidade, e o Al Awda, dentro do campo de refuxiados de Jabalia, funcionan ao bordo do colapso.
"Os vehículos da defensa civil foron atacados directamente e a única ambulancia que quedaba no norte foi destruída pola artillería israelí", indicou o portavoz da Defensa Civil de Gaza, Mahmud Basal.
Segundo sinalou, durante a noite as súas tripulacións foron sometidas a "bombardeos directos" e os seus equipos foron chamados por altofalantes dun dron para que abandonasen o seu traballo e a zona.
"Facemos un chamamento ás organizacións humanitarias e ao Comité Internacional da Cruz Vermella para que interveñan inmediatamente antes de que sexa demasiado tarde para salvar os nosos equipos de socorro", indicou.
Hoxe cúmprense 20 días de asedio israelí no norte da franxa, en particular no campo de refuxiados de Jabalia, a onde fuxiron 20.000 palestinos, e na cidade de Beit Lahia, onde a cifra de vítimas mortais supera as 770.
O exército israelí asegurou este xoves que esta actividade militar permitiu deter "máis de 200 terroristas", aínda que fontes palestinas afirman que tamén hai numerosos civís nese cómputo.
Segundo a ONU, son máis de 56.000 persoas as que fuxiron do norte desde que Israel lanzou esta nova ofensiva, a máis agresiva no norte da franxa desde que comezou a guerra hai máis dun ano, na que morreron uns 42.800 palestinos.