Rusia e Ucraína intensifican a actividade militar antes da asemblea xeral da ONU
Rusia e Ucraína intensifican a actividade militar antes da asemblea xeral da ONU
As autoridades ucraínas amosan os supostos centros de tortura empregados polos rusos
Segundo as autoridades ucraínas, no soto dunha localidade de Khárkiv funcionou unha prisión e lugar de tortura mentres a zona estivo baixo control ruso. O presidente de Ucraína afirma que na rexión había, polo menos, outros nove centros coma este.
"As tropas rusas mantiveron os nosos veciños neste lugar; primeiro traballaban psicoloxicamente a xente na estación do tren, destruíndo a súa vontade. Logo os soldados rusos traíanos aquí, onde os obrigaban a dicir o que eles querían escoitar. Mantiveron aquí a xente sen comida e sen supervisión médica", sinalou Vyacheslav Zadorenko, alcalde do distrito de Derhachi.
Seguen sacando cadáveres
A poucos quilómetros, os especialistas ucraínos seguen desenterrando cadáveres das 440 foxas descubertas en Izium tras a saída das tropas rusas. O presidente ucraíno asegura que moitos cadáveres teñen sinais claros de tortura ou de execución.
Nos próximos días chegará á zona un equipo forense das Nacións Unidas, para investigar as causas e os porqués das mortes.
Regreso á casa en Khárkiv
Mentres, a retirada rusa de Khárkiv permítelles aos máis atrevidos volver á súa terra.
"O primeiro é o primeiro, volvemos á nosa casa, ver como está primeiro e como reparala despois. Agora só quero que esta porcallada rusa sexa expulsada da nosa terra", afirma Nataliia Yelistratova, veciña de Balakliia.
Asemblea xeral da ONU
Os dous bandos, rusos e ucraínos, intensifican a súa actividade militar, sobre todo en Khersón e no Donbás, entre acusacións mutuas de terrorismo e de crimes de guerra.
Ucraína denunciou este domingo un ataque ruso a un hospital psiquiátrico, no que morreron polo menos catro médicos.
Ambas as dúas partes queren chegar nas mellores condicións posibles á asemblea xeral da ONU, que comezará o próximo martes e na que será clave a postura sobre a guerra da China e da India.