Putin asina a anexión de catro rexións ucraínas: "Defenderemos a nosa terra con todas as forzas"

O presidente de Rusia, Vladimir Putin, asinou no Kremlin a anexión das rexións ucraínas de Donetsk, Luhansk, Kherson e Zaporijia, nun acto ao que asisten tamén os xefes prorrusos dos territorios separatistas.
A sinatura ten lugar na sala San Xurxo do Gran Palacio do Kremlin, onde Putin asegurou que os habitantes destas catro rexións fixeron unha elección "inequívoca", referíndose aos referendos celebrados nas últimas semanas.
"Este é o desexo de millóns de cidadáns e é o seu dereito", dixo o presidente ruso. "Os cidadáns pronunciáronse claramente e hoxe asinamos o tratado de unión á nosa Federación Rusa", afirmou.
Putin pídelle a Kíiv que se rinda
Putin tamén chamou a Ucraína a poñer fin de inmediato á guerra e volver á mesa de negociacións, pero advertiu de que a opción feita polas rexións de Donetsk, Luhansk, Khersón e Zaporijia de unirse a Rusia é "definitiva".
"Chamamos ao réxime de Kíiv a cesar de inmediato o fogo, poñer fin a accións militares, á guerra que desatou o 2014 e volver a mesa de negociacións", dixo no seu discurso.
O presidente ruso advertiu de que o seu país fará todo o posible para garantir a vida segura da súa poboación e defenderá con todas as súas forzas os seus territorios.
"Defenderemos a nosa terra con todas as forzas e medios dos que dispoñemos e faremos todo para garantir a vida segura da nosa xente. Nisto radica a gran misión liberadora do noso pobo", afirmou.
O mandatario ruso acusou a Occidente de buscar desde hai tempo e continuar buscando a desintegración de Rusia.
Na mesma sala en que se celebrou esta cerimonia o mandatario ruso xa asinou o 18 de marzo de 2014 o tratado para a anexión a Rusia da península ucraína de Crimea e da cidade de Sebastopol.
Pola tarde na Praza Roxa organizarase un gran concerto en apoio da incorporación de novos territorios.