Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia invade Ucraína

Rusia invade Ucraína

As forzas rusas atacan a central nuclear de Chernóbil

Moscova asegura que non ataca cidades | Ucraína informa de 60 mortos

Kiev rompe relacións co Kremlin |  Hai atascos para fuxir da capital

G24.gal 24/02/2022 05:33 Última actualización 24/02/2022 18:10

As tropas rusas cruzaron o punto fronteirizo de Vilcha, na rexión de Kiev, a 50 quilómetros da fronteira con Bielorrusia, informou hoxe o Servizo Guardafrontera de Ucraína.

"As tropas rusas violaron a fronteira estatal. O equipamento bélico do inimigo cruzou polo punto fronteirizo de  Vilcha", informou a entidade.

A invasión rusa en Ucraína causou xa os primeiros mortos, segundo fontes ucraínas, mentres Moscova asegura que non ataca cidades e que non existe ameaza para a poboación pacífica.

Os militares rusos indicaron que se empregan armas de alta precisión contra infraestruturas militares, baterías  antiaéreas e bases aéreas ucraínas.

Ataques do exército ruso

O Exército ruso atacou nove rexións ucraínas, na súa maioría infraestruturas militares, aeroportos e aeródromos. Estas zonas son Ivano-Frankivsk,  Jmelnitsky,  Chernígov,  Járkov,  Kiev,  Odesa,  Nikolaev, Jerson e Kramatorsk.

Deses obxectivos rusos, o único que se atopa no Donbás é a cidade de Kramatorsk, considerada a base militar ucraína na rexión de Donetsk. Ademais, Odessa é a base máis importante da frota ucraína do mar Negro.

Primeras vítimas mortais

Máis de corenta soldados ucraínos morreron nos ataques e hai varias decenas de feridos. A maioría de baixas ocorreron durante os bombardeos aéreos desta mañá, informaron as autoridades ucraínas. 

Polo menos outras 18 persoas morreron como consecuencia dun ataque aéreo ruso perpetrado este xoves contra unha unidade militar situada na rexión de Odesa.

Resposta de Ucraína

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, ordenou ao seu Exército causar "as maiores perdas posibles ao invasor" ruso tras os ataques contra territorio ucraíno ordenados polo xefe do Kremlin.

Kiev fixo un chamamento ás armas aos voluntarios das Unidades de Defensa Territorial.

Zelenski anunciou que o seu país rompe relacións diplomáticas con Rusia

"Esta mañá pasou á historia, pero esta historia é absolutamente diferente para o noso país e para Rusia. Nós rompemos relacións diplomáticas con Rusia", dixo.

Atascos para saír da capital de Kiev

Nas estradas de Kiev formáronse atascos de xente que quere abandonar a capital por temor á inestabilidade e o posible avance das tropas rusa. 

O presidente Zelenski destacou tamén que o Exército ucraíno está encerellado en "duros combates" en toda a xeografía nacional desde "O Donbás a outras rexións do leste, norte e sur".

Do mesmo xeito que as outras repúblicas socialistas soviéticas, Ucraína independizouse en 1991 da Unión Soviética, que desapareceu en decembro dese ano como suxeito do dereito internacional.

Pero as relacións ruso-ucraínas deterioráronse desde a anexión rusa de Crimea e o apoio do Kremlin á sublevación armada no Donbás (2014).

As forzas rusas atacan a central nuclear de Chernóbil

As Forzas Armadas de Rusia lanzaron unha ofensiva para facerse co control da central nuclear de Chernóbil, situada no norte de Ucraína, escenario do maior desastre atómico do mundo en 1986.

"As forzas de ocupación rusas están intentando capturar a central de Chernóbil", denunciou nun chío o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, que confirmou combates nesta zona.

Putin advirte a Occidente de consecuencias devastadoras 

Vladímir Putin anunciaba pouco antes das 5:00 horas que decidiu lanzar unha "operación militar
especial" na rexión ucraína do Donbás atendendo a petición que lle fixeran este mércores os líderes das autoproclamadas repúblicas de Donetsk e Lugansk, recoñecidas o luns por Rusia.

Nun discurso retransmitido en directo, acusou a Kiev de traspasar liñas vermellas e dixo que se trata de defender cidadáns "que sofren un xenocidio". 

Asegurou que "a ocupación de territorios ucraínos" non está nos seus plans, pero defendeu o dereito á autodeterminación "de todos os pobos que residen en Ucraína.

Chamou aos soldados do país veciño a depoñeren de inmediato as armas. 

Mensaxe de Putin a Occidente

Na mensaxe houbo un aviso para Occidente: tras lembrar que son unha das potencias nucleares máis fortes, advertiu de que "ninguén debería dubidar de que o ataque directo" contra eles "conducirá a unha derrota e a consecuencias devastadoras".

Condena internacional

As condenas da comunidade internacional ao ataque ruso foron inmediatas nas primeiras horas tras a intervención militar e intensifícanse os contactos entre gobernos para afrontar a situación.

Neste contexto, outra das grandes potencias, A China, pediu "manter a calma" para "evitar que a situación se salga de control" tras o ataque ruso.

Postura dos EUA

O presidente dos EUA condenou, mediante comunicado, un ataque "non provocado e inxustificado" e lamentou unha "guerra premeditada" que provocará perdas "catastróficas".

Joe Biden denunciou que só Moscova é responsable e garantiu que o seu país, os aliados e os socios responderán de forma unida e decidida. Avanzou que esta mañá se reunirá cos seus homólogos do G7 e que haberá "máis consecuencias" para o país.

"O mundo fará que Rusia renda contas", sinalou Biden

Tamén explicou que se coordinará coa OTAN para asegurar unha "resposta contundente que disuada de calquera agresión contra a Alianza", da que Ucraína non forma parte.

Reaccións da OTAN e da ONU

O secretario xeral da OTAN Jens Stoltenberg denunciou unha "violación grave do dereito internacional" e "unha seria ameaza á seguridade euroatlántica” e chamou a Moscova “a cesar a súa acción militar inmediatamente”.

Tamén a ONU condenou a agresión: de feito, cando comezou, celebrábase unha xuntanza de urxencia do seu Consello de Seguridade.

Na liña cos EUA, a UE condenou "enerxicamente o ataque inxustificado" e garantiu que fará que Rusia "renda contas". Así o sinalaron en cadansúa mensaxe en Twitter os presidentes da Comisión e do Consello europeos Ursula von der Leyen e Charles Michell.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos