Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia ordena unha ofensiva en todas as frontes en Ucraína, mentres Kiev resiste

Rusia ordena unha ofensiva en todas as frontes en Ucraína, mentres Kiev resiste

 Recrúa a batalla pola capital con loitas urbanas de tropas e milicias

Ucraína cifra en case 200 os mortos desde que estalou a guerra

G24.gal 26/02/2022 17:54 Última actualización 20:55

Rusia asegura que ordenou ás súas tropas avanzar en todas as direccións, mentres desde os Estados Unidos din que enviou a Ucraína milleiros de soldados nas últimas 24 horas coa intención de facerse co control do país.

Acusa o Goberno ucraíno en Kiev de negarse ao diálogo e de non querer sentar na mesa de negociacións.

Kiev resiste, aínda que cada vez máis cercada polas tropas rusas. Así o asegura o presidente Zelenski, que mesmo pediu a adhesión de Ucraína á Unión Europea.

Un mísil ruso afectou un edificio de apartamentos esta madrugada. Un residente no inmoble di que o proxectil impactou no seu salón, que se salvaron porque estaban na cociña. Conta que a súa muller e o seu fillo maior teñen as pernas rotas con feridas abertas e que está a buscar o máis pequeno porque o levaron os rescatadores.

O alcalde da cidade indicou que ao longo da noite os ataques inimigos deixaran polo menos 35 feridos, incluídos dous nenos. Unha veciña de Kiev explica, ao saír do refuxio onde pasou a noite, que xamais imaxinara que ía vivir tales horrores. Ademais, o toque de retirada ampliouse das 17 horas ata as 5 da mañá ata o día 28 ante a presenza de tropas rusas na cidade.

O presidente de Ucraína desmentiu os rumores de que estea dando a orde de depoñer as armas. "Sigo aquí -dixo- e defenderemos o noso país".

Ucraína cifra en 198 os seus mortos desde que comezou a invasión, entre eles tres nenos, e di que os rusos perderon 3.500 efectivos. Rusia non recoñece esa cifra e asegura que só esta madrugada destruíron 821 obxectivos militares ucraínos e que tomaron a cidade de Melitópol, ao sur do país.

No Kremlin puntualizan que para dialogar, como propuxo Ucraína, Kiev ten que ter unha posición clara.

O Ministerio de Defensa asegura que non é así, polo que a ofensiva retomouse de inmediato. Destaca o avance no leste de Ucraína das milicias separatistas de Donetsk e Lugansk, que asegura tomaron distintas localidades coa axuda do Exército ruso. Avanzaron uns 50 quilómetros. 

Os militares rusos tamén falan de enfrontamentos no Mar Negro cando informan de que durante a evacuación de 82 gardafronteiras ucraínos que depuxeron as armas de xeito voluntario, os buques rusos foron atacados  por 16 lanchas da Mariña de Ucraína, ás que acusou de cubrírense con navíos civís.

Todo, asegura un voceiro de Defensa ruso, para un ataque de vinganza contra os militares ucraínos que se renderon e para acusar o Exército ruso de asasinar prisioneiros de guerra. No enfrontamento afundiron seis lanchas ucraínas.

Rusia sinala tamén que na zona había varios drons estadounidenses RQ-4 e MQ-9ª, que é probable -di- que axudasen nos ataques aos buques da frota do Mar Negro.

Macron vaticinou que a guerra vai ser longa. Boris Johnson dirixiuse aos cidadáns rusos. Díxolles que non cre que esta guerra se estea facendo en nome deles.

As autoridades ucraínas volvéronlle pedir a Occidente máis asistencia efectiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade