Rusia suspende a subministración de gas a Europa de xeito indefinido
Rusia suspende a subministración de gas a Europa de xeito indefinido
Gazprom xustifica o corte por unha fuga de aceite detectada nunha turbina
A Unión Europea non cre na razón exposta, que considera unha falacia
O corte chega despois de que o G7 anunciara un tope aos prezos do petróleo ruso
O consorcio ruso Gazprom suspendeu ata novo aviso o tránsito de gas a Europa a través do gasoduto Nord Stream, segundo os datos da empresa xestora da infraestrutura.
Todos os nomeamentos para cada franxa horaria desta xornada atópanse a cero, de acordo coa información operativa recollida pola compañía, con sede en Suíza.
Deste xeito, Gazprom, que controla o gasoduto que conecta Rusia con Alemaña por baixo do mar Báltico, fixo realidade o seu anuncio deste venres de interromper o abastecemento.
Xustifica a decisión por unha fuga de aceite detectada durante os traballos de mantemento, que xusto ían rematar este sábado.
Asegura que para reparar a avaría hai que trasladar a turbina afectada e, coas actuais limitacións da Unión Europea a Rusia, resulta inviable realizar os traballos.
Siemens, a empresa xermana encargada da subministración, di que non existen motivos técnicos para parar o gasoduto porque a fuga se pode solucionar in situ.
Tampouco a Unión Europea cre na razón exposta. O corte prodúcese horas despois de que o Grupo dos Sete (G7) chegara a un acordo para instaurar unha limitación de prezos ao petróleo ruso e outros produtos derivados.
Preparados para o inverno
O gasoduto Nord Stream, que vai de Rusia a Alemaña baixo o mar Báltico, era unha das grandes vías de entrada de gas ruso na Unión Europea. Alemaña, o país máis afectado polo peche, di que leva tempo preparándose para esta situación.
A UE asegura que a suposta avaría do gasoduto é un pretexto falso, e que contan cun bo nivel de reservas de gas para afrontar o inverno. O presidente do Consello Europeo di que o uso do gas como arma por parte de Rusia non cambiará a determinación do bloque comunitario.