Salvador Illa di que a manifestación tenta xerar medo coa idea de que "rompe España"
O líder dos socialistas cataláns foi particularmente crítico con Feijóo e Abascal
Amosouse convencido de que Sánchez será investido presidente do Goberno
Sobre a manifestación deste domingo en Barcelona, Salvador Illa dixo que a dereita e a ultradereita tentan provocar medo e crispación coa idea da ruptura de España, que ao seu xuízo é unha "arma poderosa".
Illa participou nunha escola formativa da Xuventude Socialista de Cataluña, onde sinalou que ante a crispación debe prevalecer a idea de que "España somos todos". Explicou que nas eleccións xerais se dixo si á "España plural e diversa", especialmente en Cataluña.
Amosouse convencido de que a investidura de Pedro Sánchez será real e efectiva fronte á investidura fake de Feijóo. En relación á manifestación da cidade condal, expresábase nestes termos:
"Vemos unha vez máis, hoxe, a dereita da man da ultradereita, a Feijóo xuntiño con Abascal para xerar medo. 'Rompe España', din, para sementar crispación, non? E sempre, isto non falla nunca, sempre á contra".