Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pedro Sánchez promételle a Mahmud Abbas máis axuda para o pobo palestino

Pedro Sánchez promételle a Mahmud Abbas máis axuda para o pobo palestino

O presidente en funcións defende no cumio de Exipto a solución da coexistencia dos dous Estados

Pedro Sánchez co presidente da Autoridade Nacional Palestina Mahmud Abbas
G24.gal 21/10/2023 13:37 Última actualización 21/10/2023 21:29

Pedro Sánchez e o presidente da Autoridade Nacional Palestina Mahmud Abbas mantiveron un encontro bilateral no Cairo e o presidente español en funcións expresou a solidariedade co sufrimento da poboación de Gaza. Sánchez comprometeuse a aumentar a axuda e a cooperación  e avogou por unha Palestina independente.

Foi despois das súas respectivas intervencións no cume de Exipto que se celebrou este sábado coa presenza de 34 Estados na Nova Capital Administrativa, unha cidade de nova planta situada a cincuenta quilómetros do Cairo.

Os países árabes están aliñados con Palestina, pero non con Hamás, e expresaron a preocupación por un éxodo masivo de persoas refuxiadas.

Mahmud Abbas deixou claro que o seu pobo nunca abandonará a súa terra e o secretario xeral da ONU, Antonio Guterres, falou de traballar pola liberación incondicional dos reféns e evitar a propagación da violencia na rexión.

Os dous estados

O presidente en funcións do Goberno español, Pedro Sánchez, defendeu na súa intervención o recoñecemento dos dous Estados, Israel e Palestina, como solución ao conflito. Ademais, insistiu na necesidade de protexer a toda a poboación civil involucrada.

"Necesitamos protexer a todos os civís. Repito. A todos os civís. Os que son reféns deben ser liberados, sen condicións e inmediatamente, e os que sofren o horror en Gaza deben recibir axuda", dixo en inglés o presidente.

Sánchez, que viaxou a Exipto acompañado polo seu ministro de Exteriores, José Manuel Albares, reafirmou, ante unha nutrida representación de países árabes, a condena de España e da UE "a toda inimizade contra Israel" e recoñeceu o seu dereito á defensa "segundo as leis internacionais".

"Cremos que vai de mal en peor, hai cousas por solucionar: hai que protexer a vida dos civís e que lles chegue axuda. Iso pasa por un cesamento inmediato do fogo para axudar o pobo de Gaza (...). E Hamás ten que liberar os reféns sen condición ningunha. E todos temos que garantir iso", dixo.

Segundo dixo, para acadar a paz tamén é necesario que "o pobo de Israel teña claro que a solución ao conflito é a dos dous Estados, Israel e Palestina, en coexistencia".

"Por demasiados anos pensamos que podiamos vivir sen prestar moita atención a isto, pero o sucedido probou que non podemos pospoñer a solución. A comunidade internacional demostrou que se hai vontade, hai futuro. A Conferencia de Paz de Madrid de 1991 e os Acordos de Oslo son proba de esperanza", aseverou.

Pedro Sánchez durante a súa intervención do cume de Exipto Pedro Sánchez durante a súa intervención do cume de Exipto
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade