Sánchez defende a reforma impositiva fronte a un PP que fala de "caos fiscal"
Sánchez defende a reforma impositiva fronte a un PP que fala de "caos fiscal"
Aposta por unha fiscalidade progresiva ante os que tentan rescatar "receitas fracasadas" e insolidarias
Yolanda Díaz di que o Goberno pretende baixarlle os impostos a quen menos ten, en contraste co PP
Desde o PP, Cuca Gamarra sostén que o executivo viviu un "caos de criterios en política fiscal"
Pedro Sánchez defendeu o seu plan fiscal como garantía dun Estado de benestar robusto. Foi mediante intervención telemática no Foro da Toxa. Aludiu á "irresponsabilidade fiscal" do PP e apostou por unha política impositiva solidaria e progresiva para que paguen máis os que máis gañan.
"É necesario lembrar estas obviedades cando reaparecen entre nós os bruxos que rescatan as súas fracasadas receitas e que proclaman que o diñeiro está mellor no peto dos cidadáns. Entón, as solucións están tamén nos petos dos cidadáns? É dicir, queremos que as solucións dependan de cada un dos cidadáns, entregámonos a esa doutrina do sálvese quen poida?".
Mentres, a vicepresidenta Yolanda Díaz aseguraba en Vigo que a reforma fiscal do Goberno ten como obxectivo paliar a "fenda de desigualdade xerada polos gobernos do Partido Popular".
"O modelo PP, o modelo Feijóo, é facer agasallos para unha elite, para uns poucos, para eses que sempre gañan. O modelo da coalición progresista do noso país é baixar os impostos á xente que menos ten; efectivamente, imos en dirección contraria".
Desde o PP, Cuca Gamarra sostén que o Goberno viviu un "caos fiscal" nos últimos 15 días. Lembrou que en principio "demonizaron a proposta de Juanma Moreno de baixar impostos", despois o ministro Escrivá propuxo "recentralizalos", logo os baróns socialistas optaron tamén pola rebaixa fiscal e finalmente o Goberno cambiou de posición:
"Levamos recadados xa de máis este ano 27.000 millóns de euros e o que propoñen é unha pequena baixada de impostos a algúns a partir do un de xaneiro mentres lles soben os impostos a moitos máis. E por que non se baixa o IVE xa para os produtos de primeira necesidade do 10 % ao 4 %?".