Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez defende a honestidade da súa muller e Feijóo esíxelle máis explicacións

Sánchez defende a honestidade da súa muller e Feijóo esíxelle máis explicacións

O presidente do Goberno asegurou que el e a súa esposa estarán "encantados de comparecer" na comisión de investigación no Senado se o PP decide chamalos

Feijóo dille a Sánchez que aforre os "numeriños" e non "vaia de vítima"

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención ante o pleno do Congreso este mércores (EFE / Chema Moya).
G24.gal 22/05/2024 08:29 Última actualización 22/05/2024 11:20

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu que a súa muller, Begoña Gómez, é unha profesional "honesta, seria e responsable" e, polo tanto, mostrouse convencido de que a xustiza terminará arquivando a causa aberta tras unha denuncia de Manos Limpias por presunto tráfico de influencias porque, ao seu xuízo, "o único que hai é lodo".

Así o sinalou na comparecencia no Congreso dos Deputados, onde este mércores dá explicacións sobre a situación en Oriente Medio e sobre as actividades profesionais da súa esposa.

Neste sentido, asegurou que ambos os dous estarán "encantados de comparecer" na comisión de investigación aberta no Senado se o PP decide chamalos. "A miña muller é unha profesional honesta e responsable e o meu Goberno é un Goberno limpo", lanzou o xefe do Executivo, que ademais di que quen comete tráfico de influencias "non o fai mandando cartas oficiais" como fixo a súa esposa, senón "cos seus sobres, as súas iniciais e feixes de billetes dentro", sinalou en referencia ao PP.

"Non todos somos iguais, señorías, e se non me cren, conten o número de exministros populares procesados e condenados por corrupción e conten os meus", indicou a continuación. 

Nun pleno marcado por outros asuntos internacionais, como o recoñecemento do Estado palestino, o PP enviou a Sánchez ata 100 preguntas relacionadas coa actividade económica de Begoña Gómez, co caso Koldo, cos negocios do irmán e o pai do presidente ou sobre a espionaxe que sufriu no seu móbil e se iso condicionou a súa política exterior.

Con todo, o presidente chega ao pleno despois de que a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil informase de que non ve indicios de delito por tráfico de influencias en relación cos traballos de Begoña Gómez.

Feijóo dille a Sánchez que aforre os "numeriños" e non "vaia de vítima"

O informe non convence o PP, que segue pensando que a actuación da esposa do presidente "non é nin estética nin eticamente razoable", segundo dixo o seu portavoz no Congreso, Miguel Tellado, quen avisou de que lle corresponde ao xuíz, e non a un informe da UCO, "exonerar alguén de responsabilidade penal".

Na súa quenda na cámara baixa, o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, esixiu ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que aforre os "numeriños" e non "vaia de vítima" e que dea as explicacións claras que "esixe o seu cargo" sobre as actividades da súa muller, Begoña Gómez.

En resposta á comparecencia de Sánchez, o xefe da oposición denunciou os espaventos do Goberno con Arxentina e lembroulle ao líder socialista que el e a súa vicepresidenta mentiron no Congreso sobre a súa parella e acusaron de corrupción á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.

"Cantas veces se desculpou vostede ou a súa vicepresidenta, que agora resulta que non lembran nada?", afeou Feijóo.

Tamén denunciou as críticas de Sánchez á "máquina do lodo" de PP e Vox: "Fala da ultradereita con todo o que sabemos e con todo o que sabe que queda por saír. Non vaia de vítima porque non o é, vaia de presidente, dea as explicacións claras que lle esixe o seu cargo, queira ou non, gústelle ou non, é unha saída máis digna".

Ademais, preguntoulle ao presidente do Goberno se sabía que a súa muller recomendaba empresas contratistas do seu Goberno, para subliñar que a el non lle corresponde dirimir se é legal ou non, o que compete aos xuíces, pero que si lle pode dicir "que está mal, que non é ético nin é estético".

Feijóo advertiu a Sánchez de que "non hai sostén na UE para poñerlle unha buceira a ningún medio de comunicación en España", do mesmo xeito que lle indicou que a lei de amnistía que se aprobará no Congreso o día 30 dinamitará a igualdade dos españois.

Tamén lle dixo que se presume dos resultados electorais do PSC -cando se fai "un Bolaños", segundo expresou-, tería sentido se Salvador Illa non dependese para gobernar do independentismo, pero como está a expensas de ERC, engadiu: "A vida segue igual para vostede, señor Sánchez".

Feijóo concluíu a súa intervención inicial cunha mensaxe electoral para as europeas, sinalando que "o voto que máis lle vai doer a Sánchez é o voto ao PP", mentres que, na súa opinión, votar a outros partidos, aínda que tamén se opoñan á acción de Goberno, son "un obstáculo". "A Sánchez medirano connosco", argüiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade