Publicador de contidos
Publicador de contidos

Pedro Sánchez adianta ás 11 horas a súa declaración institucional

Pedro Sánchez adianta ás 11 horas a súa declaración institucional

O presidente comparecerá desde o Palacio da Moncloa para desvelar se continúa ou non a fronte do Goberno

Leva cinco días sen axenda pública, despois de que un xuíz abrise dilixencias por unha denuncia de Manos Limpias contra a súa muller Begoña Gómez

Milleiros de persoas concéntranse no Congreso "por amor á democracia"

Goberno e Partido Socialista pechan filas con Pedro Sánchez e pídenlle que non dimita

Feijóo: "Decida o que decida Sánchez, xa representa o pasado"

G24.gal 28/04/2024 17:35 Última actualización 29/04/2024 09:49

O presidente do Goberno Pedro Sánchez adiantou ás 11:00 horas a súa comparecencia no Palacio da Moncloa para realizar unha declaración institucional e comunicar a súa decisión tras o período de reflexión que se deu o pasado mércores sobre a súa continuidade ou non no cargo.

Unha reflexión ante a campaña de "acoso e derruba" que considera que están a protagonizar contra el o PP, Vox e medios e organizacións da dereita e a ultradereita, que asegura que utilizan tamén para iso os ataques á súa esposa Begoña Gómez.

Tras as dilixencias abertas nun xulgado de Madrid como consecuencia dunha denuncia contra ela de Manos Limpias, Sánchez publicou unha carta á cidadanía en que anunciaba que cancelaba uns días a súa axenda para reflexionar se merecía a pena seguir á fronte do Goberno e que faría pública a súa decisión nunha comparecencia no Palacio da Moncloa este luns.

O Goberno non desvelou o domingo a que hora sería esa comparecencia e non se incluíu na axenda do Executivo que se fai pública a véspera de cada xornada. Foi á primeira hora deste luns cando Moncloa informou de que Sánchez realizaría unha declaración na sede da Presidencia do Goberno ás 12:00 horas e ante a que tanto no Goberno como no PSOE aseguran que todas as opcións están abertas.

O PSOE, á espera da decisión

O PSOE, mentres, espera a decisión que tome o tamén secretario xeral dos socialistas, e o seu círculo máis próximo admite que non sabe que ocorrerá. En todo caso, sinalan que Sánchez decidirá desde o plano persoal, unicamente xunto á súa muller Begoña Gómez.

Por tanto, con Sánchez encerrado na Moncloa e con escaso contacto cos seus colaboradores desde hai días, a dirección socialista esfórzase en enviar mensaxes públicas e "enerxía positiva", segundo a definiu a vicepresidenta e vicesecretaria xeral do PSOE María Jesús Montero, para convencelo de que quede.

Sánchez non ve os seus ministros desde o mércores, cando publicou por sorpresa unha carta dirixida á cidadanía en que anunciaba que despexaba a súa axenda pública durante uns días para reflexionar sobre se merece a pena continuar á fronte do Goberno. No mesmo texto sinalaba que este luns comparecería fronte aos medios para comunicar a súa decisión.

A denuncia contra a súa muller, detonante da crise

O detonante desta crise foi a denuncia presentada pola organización Manos Limpias contra a esposa de Sánchez por presunto tráfico de influencias e corrupción nos negocios, debido ás súas supostas relacións con empresas que recibiron fondos públicos.

Ese mesmo mércores sóubose que un xuíz de Madrid decidiu abrir dilixencias previas por mor desa denuncia e Sánchez saíu ao paso na sesión de control ao Goberno. Sen que ninguén lle preguntase expresamente por ese asunto dixo: "Nun día como hoxe e coas noticias que coñecín, a pesar de todo, sigo crendo na Xustiza do meu país, na súa autonomía e na súa independencia". Horas despois, esa mesma tarde, publicou a carta na súa conta de X (antigo Twitter).

 

 

No texto denunciou unha campaña contra el e a súa contorna que leva meses perpetrándose e sinalou directamente os líderes de PP e Vox Alberto Núñez Feijóo e Santiago Abascal, a quen acusa de "sobreactuaren". "Neste atropelo tan grave como basto, ambos son colaboradores necesarios xunto a unha galaxia dixital ultradereitista e a organización Manos Limpias", sinalou.

"En resumo, trátase dunha operación de acoso e derriba por terra, mar e aire para tentar facerme desfalecer no político e no persoal atacando a miña esposa", e inclúe a denuncia do PP ante a Oficina de Conflitos de Interese, as informacións xornalísticas sobre a súa esposa e agora a denuncia de Manos Limpias.

Pola súa parte, Manos Limpias admitiu que a denuncia contra Begoña Gómez pode estar fundamentada en noticias que poderían ser falsas. Aínda así, o secretario xeral de Manos Limpias Miguel Bernad decidiu "poñer en coñecemento do xulgado competente esas informacións mediante a oportuna denuncia".

O PSOE mobilízase para que quede no Goberno

A decisión xerou estupor no PSOE porque nin os máis próximos sabían que ía dar ese paso. Con todo, reaccionaron tratando de enviarlle mensaxes de apoio e converteron o Comité Federal deste sábado nun acto de apoio ao seu líder: "Pedro, queda, non estás só", repetíase na sede socialista da rúa Ferraz, tanto no interior como na concentración convocada na rúa.

A cita estaba prevista de antemán para ratificar a lista ás europeas, pero dadas as circunstancias cambiaron os plans. Emitiron as intervencións dos líderes en aberto, algo en absoluto habitual, e conseguiron congregar máis de 12.000 persoas na rúa para transmitir calor a Sánchez, que non asistiu ao Comité.

Os socios apuntan a unha cuestión de confianza

As mensaxes de apoio seguiron este domingo co ministro de Transportes e Mobilidade Sostible Óscar Puente á cabeza, quen afirmou que Sánchez é "o puto amo" e conseguiu que a economía siga unha boa senda e que España teña "máis influencia en Europa e no mundo" que na etapa do expresidente do Goberno Felipe González. Ademais, acusou a Feijóo de estar detrás da estratexia para socavar a vida persoal do presidente.

Este domingo varios miles de persoas manifestáronse cunha marcha ata o Congreso dos Depuados baixo o lema "Por amor á democracia", para denunciar que as "chantaxes e bulos non poden contra a democracia e contra o pobo". Ademais, os sindicatos Comisións Obreiras e UXT e persoas do sector da cultura celebraron un acto para apoiar a Sánchez, e en Valencia unhas 1.500 persoas reuníronse para pedirlle que continúe

Se Sánchez decide seguir, podería convocar unha cuestión de confianza no Congreso dos Deputados, unha opción que os seus socios parlamentarios apuntaron como a opción máis recomendable para saír desta crise. Algúns deles, como ERC e Bildu, mesmo suxeriron que votarían a favor.

Se pola contra dimitise, o Goberno cesaría de inmediato, aínda que seguiría en funcións ata a investidura dun novo candidato. Tamén podería convocar novas eleccións xerais, aínda que non sería efectiva de inmediato e habería que esperar ata o 30 de maio, cando se cumpre un ano da última disolución das Cortes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade