Sánchez e Meloni aparcan as súas diferenzas ideolóxicas para colaborar en asuntos europeos
Sánchez e Meloni aparcan as súas diferenzas ideolóxicas para colaborar en asuntos europeos
O encontro incríbese na rolda de contactos prepartoria da presidencia española da UE
A primeira ministra italiana, Giorgia Meloni, recibiu o presidente Pedro Sánchez no Palacio Chigi. Era o primeiro encontro bilateral entre os xefes de goberno de España e Italia.
E a pesar das diferenzas ideolóxicas ambos aparcaron as discrepancias para centrarse no que son quen de colaborar. Desde a necesidade de reformar o mercado eléctrico ata o desafío da inmigración irregular. Coincidiron en que é un problema europeo e na necesidade de axudar os países de orixe.
"Debemos levar adiante iniciativas, incluíndo os investimentos fundamentais para colaborar e atopar solucións estruturais cos países do norte de África", asegurou Meloni.
"A inmigración irregular é un problema europeo, non é un problema de España, Italia ou Malta ou de calquera dos países de primeira entrada, é un problema europeo que esixe unha resposta europea", dixo Sánchez.
Foi unha comparecencia sen preguntas a instancias do país anfitrión. Na viaxe de regreso a España, Pedro Sánchez aclarou que non é o mesmo o debate político e ideolóxico que a relación entre socios comunitarios que intentan poñerse de acordo ante os retos da presidencia española da Unión Europea.