Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez defende a querela contra Peinado polo "atropelo aos dereitos de Presidencia"

Sánchez defende a querela contra Peinado polo "atropelo aos dereitos de Presidencia"

O presidente do Goberno cualifica a investigación do xuíz como "o non caso" e denuncia como "bochornoso" o acontecido na véspera na Moncloa

O presidente da Xunta censura que Sánchez ataque un xuíz coa maquinaria do Estado en algo "persoal"

O presidente do Goberno Pedro Sánchez comparece ante os medios este mércores na Moncloa para facer balance do curso político (EFE / Mariscal) O presidente do Goberno Pedro Sánchez comparece ante os medios este mércores na Moncloa para facer balance do curso político (EFE / Mariscal)
G24.gal 31/07/2024 09:06 Última actualización 31/07/2024 12:45

O presidente do Goberno Pedro Sánchez defendeu este mércores a querela presentada pola Avogacía do Estado contra o xuíz Juan Carlos Peinado, que investiga á súa esposa, porque "se atropelaron dereitos" recoñecidos á institución da Presidencia do Goberno desde 1886.

Na conferencia de prensa de balance do curso político, Sánchez tachou de "montaxe" o sucedido este martes, cando Peinado acudiu á Moncloa para tomarlle declaración, e cualificou de "absolutamente patético e bochornoso" ver as "asociacións ultradereitistas Vox, Manos Limpias e Hazte Oír pelexar" por ver quen accedía ao Palacio.

Ao seu xuízo, a investigación á súa muller por supostos delitos de tráfico de influencias e corrupción nos negocios é "un non caso" e o que hai é "un Goberno que goberna e unha oposición que fabula", frase que repetiu en varias ocasións ao longo da súa comparecencia.

Sánchez insistiu en que, ante ese "non caso", froito da "frustración e impotencia dunha oposición que renunciou á batalla lexítima das ideas, a poñer encima da mesa un proxecto político", o que fixo a Avogacía do Estado é defender a institución da Presidencia do Goberno de España, a súa "dignidade" e a separación de poderes.

O xefe do Executivo asegurou que ante a evolución económica, social e territorial do país a oposición non pode dicir nada. "No canto de falar de crecemento económico, falan dun non caso; en lugar de falar de avances sociais, identifican a migración coa delincuencia, e en lugar de achegar e arrimar o ombreiro para resolver a crise institucional derivada do conflito en Cataluña, a todo lle chaman golpe de Estado", manifestou.

Sánchez mostrouse convencido de que "o tempo porá as cousas no seu sitio" e recalcou que o Goberno seguirá gobernando e aprobando leis "en beneficio da maioría social".

No PP aseguran que Pedro Sánchez está cada vez máis radicalizado, e acúsano de tratar de amedrentar os xuíces. Cren que o presidente do Goberno está na fin dun ciclo, e pídenlle que dimita e convoque eleccións.  

Rueda censura que Sánchez ataque un xuíz coa maquinaria do Estado en algo "persoal"

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, censurou que o presidente do Goberno atacase un xuíz por facer o seu traballo e que ademais o fixo, na súa opinión, "usando a maquinaria do Estado nun tema absolutamente persoal".

Segundo o presidente galego, Sánchez podería responder ao xuíz sobre o caso Begoña Gómez e deixar claro o que sempre di, que non ten nada que ocultar, e que a transparencia é o máis importante.

E con todo, dixo, optou por non responder e despois atacou un xuíz que está "simplemente facendo o seu traballo, investigar e facer preguntas", polo que o lóxico sería contestar, continuou Rueda.

Esta circunstancia, ademais, coincidiu con outras noticias que o deixan "moi intranquilo", en alusión ao pacto fiscal entre o PSC e ERC para investir a Salvador Illa como presidente da Generalitat, polo que segundo Rueda este anuncio "tenta tapar a declaración" ante do xuíz de Sánchez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade