Sánchez reafirma que non cesou a Ábalos porque coñecese algunha actividade ilícita
Sánchez reafirma que non cesou a Ábalos porque coñecese algunha actividade ilícita
Insistiu en que o cesamento de Ábalos foi para dar un "impulso" ao Executivo tras a pandemia, despois de que a UCO mencionara no seu informe unha discusión entre ambos tras a visita errada da vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, volveu desvincular este mércores a súa decisión de cesar a José Luis Ábalos como ministro en 2021 da posibilidade de que a adoptase porque coñecese algunha actividade ilícita súa.
Sánchez negou de novo que ese fose o motivo da súa decisión na conferencia de prensa que ofreceu ao termo do cumio hispano-portugués de Faro, despois de que o xuíz Ismael Moreno pedise ao Tribunal Supremo que investigue a Ábalos ao considerar que hai "indicios fundados e serios" de que tivo un "papel principal" no caso Koldo.
Ao preguntarlle se non tiña polo menos algunha sospeita desas actividades no momento en que o cesou, Sánchez remontouse ao impacto que tivo a pandemia en España no ano 2020 tanto en número de falecidos como na súa repercusión na economía.
Insistiu en que o cesamento como ministro de José Luis Ábalos produciuse para dar un "impulso" ao Executivo tras a pandemia, despois de que a UCO da Garda Civil mencionase no seu informe unha discusión entre ambos tras a visita errada da vicepresidenta venezolana, Delcy Rodríguez.
Tras ese contexto, o presidente do Goberno volveu a explicar que a crise de Goberno que levou a cabo en 2021 e na que Ábalos saíu do Consello de Ministros decidiuna para "renovar e relanzar" o Executivo despois desa pandemia "terrible, tremenda".
"Esa crise de Goberno profunda que fixen a nivel ministerial, fixo, efectivamente, que Ábalos saíse do Goberno de España no ano 2021. Iso é o que podo dicir por enésima vez", recalcou.
Agora que Ábalos está a un paso da imputación, os socios parlamentarios do Goberno agardan que dea todas as explicacións ante a Xustiza. Podemos considera que é urxente que o presidente do Goberno, e tamén líder do PSOE, compareza no Congreso. Tamén os populares agardan explicacións de Pedro Sánchez.
Contactos con Aldama
Este mércores Sánchez foi preguntado tamén por se tivera algún contacto co contratista da trama Koldo, Víctor de Aldama, e respondeu xustificando o rescate de Air Europa tanto desde o punto de vista formal como do interese xeral.
"O contribuínte español ten que saber que o que estamos a facer agora mesmo é cobrar eses préstamos que fundamentaron o rescate de Air Europa", engadiu antes de asegurar que volvería tomar a decisión dese rescate.
Precisou que se non houbese ese rescate, España sería o único país do mundo que non rescataría unha das súas principais aeroliñas.
Ademais, lembrou que a decisión foi avalada pola Unión Europea, o Tribunal de Contas e o Tribunal Superior de Xustiza Europeo e que o rescate se fixo con préstamos e condicións moi estritas a Air Europa.