Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago acolle esta semana o primeiro encontro galego de ciberseguridade

Santiago acolle esta semana o primeiro encontro galego de ciberseguridade

O ciber.gal vai dirixido a empresas, administracións públicas e cidadanía

Coincide cun aumento da criminalidade informática

O hacker Antonio Fernandes no plató do Bos Días
G24.gal 06/11/2021 13:56

Coa criminalidade informática convertida nunha das primeiras preocupacións policiais e xudiciais, esta semana celébrase en Santiago o primeiro encontro galego de ciberseguridade.

Chega con ver os datos recollidos nas estatísticas para facernos unha idea da importancia de ter unha boa hixiene e prevención dixital. Os ciberdelitos aumentaron case un 26 % na nosa comunidade no último ano. Xa supoñen unha de cada cinco infraccións penais que se comenten en Galicia.

Son datos do VIII Informe sobre Criminalidade do Ministerio do Interior. É unha cifra para concienciar da importancia de facer un uso seguro da tecnoloxía. No último ano, os delitos relacionados con este ámbito na nosa comunidade superan os 14.600.

Entre os participantes neste primeiro encontro de ciberseguridade, que se celebrará o mércores e o xoves en Santiago, figura Antonio Fernandes, un experto na materia que forma parte dos chamados "hackers éticos".

"Os malos, os que veñen roubar, secuestrar os datos, eles están moi unidos, a única maneira que temos, tanto cidadáns coma empresas e administracións, é ir todos a unha", subliña.

Segundo Adrián Lence, director da área de infraestruturas e telecomunicacións de Amtega, "acaba de se constituír hai pouco o Nodo de Ciberseguridade de Galicia, onde por primeira vez en España se consegue acadar un consenso de participación por parte de todo o sector da ciberseguridade".

Empresas, organizacións e usuarios son o obxectivo dos ataques dos piratas informáticos que buscan apropiarse dos datos persoais e de información confidencial. E a pandemia abriulles novas posibilidades ao multiplicar o número de persoas que teletraballaron desde as súas casas sen a protección axeitada e con protocolos de comunicación pouco seguros.

"Nas primeiras semanas da pandemia incrementouse un 30.000 por cento, que é unha barbaridade, os incidentes de fishing relacionados coa Covid e demais", asegura Adrián Lence.

En CIBER.gal haberá debates e actividades dirixidos a concienciar a cidadanía en xeral do perigo que supón non saber identificar e responder os ataques dos piratas informáticos. Fernandes ofrece algúns consellos de ciberhixiene. O principal, non usar o mesmo contrasinal para todo. E despois, sentido común, porque moitos enganos son os de sempre pero adaptados ao mundo dixital.

"A estampiña, por exemplo, vouche dicir a criptomoeda, que te vai facer megamillonario...e non hai nada aí detras... e se utilizas o sentido común verás que a web existe desde antes do bitcoin"

O prazo de inscrición segue aberto. Pódese participar presencialmente ou vía telemática.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade