Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE autoriza a aplicación provisional do acordo pesqueiro con Mauritania

A UE autoriza a aplicación provisional do acordo pesqueiro con Mauritania

O anterior protocolo expirou o luns e o actual aínda está sen ratificar formalmente pola cámara lexislativa europea

25 buques galegos faenan en augas de Mauritania

G24.gal 17/11/2021 15:04

Dos 65 buques españois afectados polo acordo con Mauritania, 25 son galegos ou con capital galego. Tanto armadoras como tripulacións estaban pendentes desta autorización, porque o anterior acordo expirou o luns pasado.

O novo protocolo que se logrou consensuar tras oito roldas de negociación aínda non está aprobado formalmente pola cámara lexislativa comunitaria.

"Había desasosego porque se non se autorizaba xa tiñamos que parar, pero así podemos continuar", explica María José de Pazo, armadora de varios buques que traballan nas costas de Mauritania.

Barcos como o Puerto de Figueras, con sede en Marín, descargan cada un deles unhas 40 toneladas mensuais de peixe fresco na costa mauritana, maioritariamente pescada ou palometa negra que chegan á lonxa galega por estrada.

O novo acordo mantén posibilidades de pesca e a contribución financeira europea de 62 millóns os dous primeiros anos. Cesións sobre as posicións iniciais que tamén fixeron as armadoras.

"Para nós foi un sacrificio porque subiunos o canon un cinco por cento", di De Pazo, "pero fixemos cesións para tratar de darlle un impulso ás negociacións", engade. "De todas nas que participei, foi, sen dúbida, a máis dura de todas as negociacións, houbo ata oito roldas de conversas".

Finalmente, "foi para ben e estamos satisfeitos", conclúe, porque o acordo chegou finalmente a finais de xullo pasado. Agora, comeza a súa aplicación provisional ata que o Parlamento europeo o autorice definitivamente, o que dará cinco anos de estabilidade á frota galega en Mauritania.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade