Seis atletas representarán a Galicia nos xogos olímpicos
Seis atletas representarán a Galicia nos xogos olímpicos
Ana Peleteiro, Adrián Ben, Belén Toimil, Tariku Novales, Ester Navarrete e Antía Chamosa entraron na lista definitiva de convocados
Seis atletas representarán a Galicia nos Xogos Olímpicos de París. Así o confirmou a Federación Española de Atletismo, que deu a lista definitiva dos elixidos para a gran cita deste 2024.
Ana Peleteiro será unha das líderes da convocatoria no triplo salto feminino. Medallista en Tokyo, non terá a competencia da gran rival, a mancada Yulemnis Aguilar, e a de Ribeira é capaz de todo nun evento coma este.
Adrián Ben entrou na lista dos 800 metros, unha das convocatorias máis esixentes para calquera seleccionador polo gran nivel que hai nesa distancia no atletismo español. Xunto con Attaoui, promete estar entre os mellores. Ben xa foi finalista na última cita olímpica.
Belén Toimil, a multicampioa de España en lanzamento de peso, xa garantira a súa presenza ao acadar a mínima e, logo de facer un gran campionato de Europa no que rozou as medallas, agarda ter unha grande actuación nos que serán os seus segundos xogos.
Debutan nas olimpíadas Tariku Novales e Ester Navarrete, que participarán na proba do maratón. Aquí os metais son case imposibles, porque as primeiras posicións semellan reservadas aos grandes especialistas de África, pero intentarán deixar o mellor de si e estar nas súas mellores marcas.
Antía Chamosa entrou finalmente na lista da marcha, na proba do relevo mixto. A pontevedresa busca apañar experiencia porque, pola súa idade, ten outras citas olímpicas a tiro no futuro.