Ana Peleteiro volve a Galicia "para cumprir un soño" e co seu marido como adestrador
Ana Peleteiro volve a Galicia "para cumprir un soño" e co seu marido como adestrador
A atleta de Ribeira, emocionada, comunicou que é unha decisión persoal, motivada maiormente pola súa maternidade e a necesidade de volver á casa
"Despois de anos fóra, que xa van 13 anos, o meu corazón pedíame ir ao meu refuxio, Galicia", así comezou Ana Peleteiro a súa conferencia de prensa.
Explicou a decisión de volver á súa terra e ser adestrada polo seu marido, Benjamin Compaoré.
"É un moi bo adestrador, tiven a sorte de adestrarme con el e ver os seus consellos. Vino conseguir obxectivos incribles cos seus atletas", explicou Peleteiro.
Sobre todo o balbordo xerado pola súa decisión, preferiu quedar co lado positivo dos debates e críticas recibidas:
"Entendo que este cambio xere dúbidas e iso para min é un afago, porque a xente preocúpase e quere seguir véndome gañar. Iso é o mellor regalo que me puidestes facer".
Ana Peleteiro fala dun soño cumprido
"Este proxecto era un soño para min desde hai 13 anos, cando marchei da casa".
"Queremos axudar a que outros nenos e nenas non teñan que saír, neste caso, de Ribeira para cumprir os seus soños de ser deportistas de alto nivel".
Ao preguntarlle pola súa relación co seu antigo adestrador, Iván Pedroso, a atleta galega deixou moi claro que todo foi unha "decisión por motivos persoais" e que a súa relación con el é boa.
"A miña relación con Iván está en perfecto estado. Despois da comprensión que tivo con esta decisión, ver o agarimo que me ten e que me diga que a nosa relación de amizade será eterna".