Publicador de contidos
Publicador de contidos

Conta atrás para o desaloxo do edificio ocupado no centro de Ribeira

Conta atrás para o desaloxo do edificio ocupado no centro de Ribeira

O prazo finaliza o día 12, pero a maioría dos inquilinos xa marcharon

Temen que entren noutra vivenda baleira e xa se están tapiando edificios

G24.gal 06/11/2024 14:04

"Bótanvos o día 12. Tedes onde ir? Tedes un sitio localizado?". "Seguramente. Eu polo menos, si", confesa un dos ocupas.

Comeza a mudanza no edificio da rúa Xosé Ramón Fernández Barreiro, en pleno centro de Ribeira.

"Seis días. Eu xa llos estou contando. Cada vez que pasan por aquí, xa lles digo seis días. Voulle restando un cada día", comenta con ironía e alivio o comerciante dun negocio que está parede con parede.

O edificio é un luxo, con grandes ventás, balcóns e mesmo terrazas con vista, pero entrar hoxe en día é como visitar a casa do terror. Hai alivio entre a veciñanza, pero tamén dúbidas.

"Para onde van ir? Todo o mundo está pensando onde os van meter", pregúntase unha veciña.

Pregunta que responden eles mesmos.

"Cada un que busque a vida á súa maneira. Cada un é independente. Non estamos en grupo. Esta semana seguramente xa non estarei aquí, para a fin de semana. A maioría xa marcharon e o resto marchará tamén", explica un dos ocupas. 

Confírmano fontes policiais, que aseguran que estes días hai menos incidentes, e tamén os que comparten con eles o día a día.

"Algún xa marchou porque nós agora xa non vemos tanto movemento coma antes. Seguro que xa buscaron algo por aí", explica o comerciante. 

Na contorna prepáranse co tapiado de edificios que están baleiros, e que, por desgraza, son moitos.

O prazo vence o día 12, ás 9:30 da mañá, pero todo apunta a que cando chegue a comitiva xudicial o edificio estará baleiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade