Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sánchez anuncia unha rebaixa do IVE da luz ao 5 %

Sánchez anuncia unha rebaixa do IVE da luz ao 5 %

Sánchez fixo este anuncio durante a sesión de control ao Goberno no Congreso, en resposta ao voceiro de ERC Gabriel Rufián, quen lle pedía que actuase ante o crecemento da inflación

Gamarra asegurou que o resultado das eleccións andaluzas constataron que o "Goberno frankenstein é un proxecto fracasado e esgotado"

G24.gal 22/06/2022 07:52 Última actualización 22/06/2022 15:10

O presidente do Goberno Pedro Sánchez anunciou este mércores no Congreso que o decreto que o Consello de Ministros aprobará este sábado para ampliar as medidas para paliar os efectos económicos da guerra en Ucraína incluirá unha rebaixa do IVE da luz do 10 ao 5 %.

Sánchez fixo este anuncio durante a sesión de control ao Goberno no Congreso, en resposta ao voceiro de ERC Gabriel Rufián, quen precisamente lle pedía que actuase ante o crecemento da inflación que, advertiuno, pode "arrasar" o Goberno.

O presidente volveu culpar o conflito en Ucraína da suba de prezos dos últimos meses, lembrou que o Executivo xa tomou medidas para axudar a familias e empresas e garantiu que as seguirá tomando e puxo como exemplo a nova baixada do IVE da luz que anunciou para este sábado.

Unha medida que Alberto Núñez Feijóo propuxera no documento de propostas contra a crise que lle remitiu á Moncloa, e que o Executivo rexeitou por considerala "cosmética". Os populares celebran que a asuma, pero din que esta baixada chega tarde e obrigada polos acontecementos.  "É lamentable que tivera que producirse un varapau electoral como o de Sánchez o domingo para que reaccione tome unha medida que vai ser moi positiva para os españois", di Gamarra.

Os socios do Goberno de coalición consideran insuficiente a medida. Para Echenique é "unha medida do PSOE que non ven mal pero nin de lonxe é suficiente para protexer as familias da suba da inflación". E os socios de investidura, necesarios para sacar adiante o decreto anticrise, tamén piden iniciativas máis ambiciosas. "Basta de parches, basta de cheques. Impostos ás grandes fortunas e impostos ás grandes eléctricas", esixe Rufián.

A rebaixa do IVE da luz ata o cinco por cento, o límite máis baixo que permite Bruxelas, beneficiará os consumidores dos mercados libre e regulado. Nun recibo medio de 124 euros, o desconto será duns seis euros.

O PP ve "esgotado" o "Goberno frankenstein" tras o 19-X

A secretaria xeral do PP, Cuca Gamarra, asegurou este mércores que o resultado das eleccións andaluzas constataron que o "Goberno frankenstein é un proxecto fracasado e esgotado" e emprazou ao xefe do Executivo para facer "autocrítica" e "rectificar".

Na súa réplica, Pedro Sánchez respondeulle citando ao escritor José Saramago, que dicía que "a derrota ten algo positivo: nunca é definitiva. E a vitoria ten algo negativo: xamais é definitiva". Trátase da primeira sesión de control ao Goberno tras as eleccións andaluzas do pasado 19 de xuño, nas que a candidatura do PP liderada por Juanma Moreno logrou a maioría absoluta con 58 escanos.

Gamarra afeou a Sánchez que tres días despois das andaluzas aínda non reaccionase ao "desastre" do PSOE e recalcou que mentres "suma derrotas, os españois multiplican os seus problemas", dado que serán "3.000 euros máis pobres este ano, tres veces o Salario Mínimo".

Instou a Sánchez a facer "autocrítica" e preguntoulle que "máis ten que pasar para que rectifique". Ademais, a dirixente do PP afirmou que as urnas constataron que o "Goberno frankenstein é un proxecto fracasado e esgotado" e criticou que o Goberno responda con "máis do mesmo, coa ideoloxía por encima da economía" como, á súa entender, demostra "resucitar" a Lei de Memoria Democrática ou "reactivar a mal chamada mesa do diálogo con Cataluña".

Gamarra resaltou que os andaluces foron os portavoces dunha "inmensa maioría de españois" e dixeron "alto e claro que hai outra forma de gobernar, no fondo e na forma", cunha política baseada no acordo e que "non insulta nin enfronta".

Na súa réplica, Sánchez asegurou que o "xenial" Saramago dixo algo que é "moi conveniente lembrar hoxe": "As derrotas teñen algo positivo e é que nunca son definitivas. E as vitorias teñen algo negativo, e é que xamais son definitivas". Ao seu entender, isto hai que lembralo nos "bos e malos momentos".

Tras afirmar que el recoñece a vitoria de Moreno e felicitoulle polo seu resultado nas eleccións mentres que o PP non recoñece a "lexitimidade" do seu Goberno, solicitou ao PP unha oposición "construtiva, útil e con sentido de Estado que "cumpra coa Constitución".

O xefe do Executivo asegurou que no seu mandato tentou buscar pontes cos axentes sociais, os Gobernos autonómicos e os grupos parlamentarios e engadiu que o PSOE está disposto a "rectificar" cando comete "erros". "

Na súa segunda intervención, Gamarra aseverou que os españois o que necesitan é un presidente do Goberno con "menos soberbia, máis humildade e máis sentido da realidade", de forma que "pase páxina da frivolidade, a división e o radicalismo que leva xa imperando demasiado tempo".

Gamarra asegurou que o Goberno anunciou que un Consello de Ministros extraordinario aprobará o sábado medidas para loitar contra a inflación e preguntoulle con quen contaron porque ao PP "nin o chamou" cando lle enviou un plan económico con baixadas de impostos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade