Feijóo compara a Sánchez con Franco e acúsao de impoñer "censura e persecución"
Feijóo compara a Sánchez con Franco e acúsao de impoñer "censura e persecución"
Sánchez convida a Feijóo a abandonar a "oposición avinagrada" e a "arrimar o ombro"
O líder da oposición Alberto Núñez Feijóo (PP) acusou ao xefe do Executivo Pedro Sánchez de ter unha "concepción bananeira do poder", en referencia ao Plan de Rexeneración Democrática aprobado polo último Consello de Ministros, que definiu como "unha ofensiva contra xuíces, xornalistas e medios de comunicación" e un "plan de censura".
Na sesión de control ao Goberno que se celebra este mércores no Congreso dos Deputados, Feijóo afirmou que Sánchez pasou de ter "problemas coa verdade" a telos "con quen a conta". "Censura e persecución a quen ouse criticalo: non se vía nada así desde Franco", sentenciou no primeiro cara a cara entre ambos os políticos neste curso político.
Tamén criticou o Goberno pola súa política con Venezuela ou por nomear o exministro José Luis Escrivá como gobernador do Banco de España.
Ademais, cargou contra Sánchez por, na súa opinión, non comparecer abondo no Congreso. "Vostede cando foi Presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos soamente compareceu no Parlamento de Galicia en dez ocasións. Eu como Presidente do Goberno en seis anos comparecín en 39 ocasións", contestou Sánchez.
Ademais, en ausencia de presupostos, o presidente do Partido Popular deu por pechada a lexislatura: "Quédalle algo máis que o seu proxecto persoal?".
O presidente do Goberno Pedro Sánchez defendeu na súa quenda a acción lexislativa do seu Executivo, que cualificou de "Goberno do diálogo e do acordo", e salientou a aprobación de máis de 200 textos legais.
Na súa intervención, Sánchez celebrou o nomeamento de Teresa Ribera como vicepresidenta da Comisión Europea e destacou que "xamais" unha muller española "tivo esa influencia" no órgano europeo.
"Cambie o chip, cambie o chip. Levan seis anos dicindo que España afunde e España está a crecer máis ca a media europea", indicou Sánchez perante as críticas de Feijóo.
"Hai Goberno para tempo", aseverou Sánchez, quen convidou a Feijóo a abandonar a "oposición avinagrada" e a "arrimar o ombro".
O certo é que o plan tampouco convence os socios parlamentarios, que terán que votalo cando chegue ao Congreso. Gabriel Rufián, de ERC, cualifícao de "maquillaxe"; a líder de Podemos, Ione Belarra, de "puro fume" e Aitor Esteban, do PNV, está convencido de que "do anunciado vai quedar a metade da metade".
Seguindo o espírito dese plan, acabar coas noticias falsas, estreouse este mércores no Congreso o novo ministro para a Transformación Dixital. Óscar López falou dun "bulo como unha catedral" e negou que chamara o empresario Juan Carlos Barrabés desde a Moncloa para eximir a Begoña Gómez da investigación xudicial.
López substitúe no cargo a José Luis Escrivá, que agora é gobernador do Banco de España. O supervisor acaba de mellorar as previsións de crecemento económico e o presidente sacou peito na súa intervención.
"Miremos onde miremos, os datos invitan á confianza e ao optimismo. España ten unha sociedade e un Goberno optimistas e en fronte temos unha oposición avinagrada do señor Feijóo", dixo o presidente do Goberno.
Pero para Alberto Núñez Feijóo, "non foi o Banco de España, foi o señor Escrivá o que incrementou a previsión de crecemento". Vai agardar a fin de ano para ver "se acerta ou vostede acaba de contratar a un señor Tezanos bis".
Outro nome propio soou na sesión de control, o de Teresa Ribera, nova vicepresidenta da Comisión Europea. Segundo Pedro Sánchez, "xamais unha muller española tivo as competencias e a influencia na Comisión Europea como Teresa Ribera".
Pero corrixírono dende o PP. Cuca Gamarra, secretaria xeral do partido recordoulle que foi Loyola de Palacio a primeira española vicepresidenta da CE, hai 25 anos, e pediulle ao presidente "un pouco de respecto ás mulleres que abriron camiño inda que non foran do seu partido".