A Xunta rebaixará un 15 % o recibo de Sogama aos concellos con colector marrón
A Xunta rebaixará un 15 % o recibo de Sogama aos concellos con colector marrón
Rueda anunciou na sesión de control do Parlamento que aplicará a bonificación a todos os municipios que se comprometan a ter instalado o quinto contedor de residuos orgánicos antes de que remate 2023
A Xunta vai establecer o próximo ano unha bonificación do 15 % no recibo de Sogama para todos aqueles municipios que se comprometan a ter instalado o quinto contedor, o marrón dos residuos orgánicos, antes que termine 2023, tal e como establece a normativa europea.
Así o anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento, en resposta a unha pregunta do BNG sobre os orzamentos e despois da polémica xurdida pola eliminación nestas contas públicas da bonificación do 10 % do canon que Sogama cobra aos concellos.
Tras as críticas desde a oposición pola eliminación deste desconto, que pedían que se recuperase, agora a Xunta establece para o ano que vén unha bonificación nova que será de aplicación para todos os concellos que se "comprometan antes de que remate 2023 a introducir o quinto contedor, o marrón, para seguir separando residuos", explicou Rueda.
Tirapuxa a conta dos orzamentos e a Tarxeta Básica na sesión de control
A sesión de control centrouse no debate sobre os orzamentos autonómicos para o próximo exercicio e a decisión da Xunta de retirar a Tarxeta Básica.
O portavoz parlamentario socialista, Luís Álvarez, afeou a Rueda retirar esta medida mentres rebaixa o Imposto de Patrimonio "aos ricos". O presidente Rueda insistiu en que se trataba dunha medida temporal para un momento concreto. Salientou que o máis importante son os recursos totais que se destinan a política social, que en 2023 aumentan un 25 %
A crítica sobre a retirada da Tarxeta Básica secundouna a líder do BNG, Ana Pontón, quen acusou o presidente de ser "un Robin Hood ao revés", que "cunha man quita a Tarxeta Básica ás familias que "máis a necesitan" mentres "regala 30 millóns aos máis ricos". Alfonso Rueda proclamou que "a baixada de impostos" tamén serve "para que a xente teña máis diñeiro e poda ir á compra".
Pontón cualificou os orzamentos de 2023 como "insolidarios" pola política fiscal e "insolventes" porque está baseado en "previsións erradas".
O presidente da Xunta lembroulle que se trata duns presupostos "de record", os mais altos da historia de Galicia, de 1.000 millóns máis con respecto aos deste ano. E reprocha o BNG que levante a voz contra os orzamentos galegos e sexa "tan submiso" ante os orzamentos do Estado, "que discriminan Galicia".