Sete de cada dez alumnos reciben algunha axuda da Xunta no comezo do curso escolar
Sete de cada dez alumnos reciben algunha axuda da Xunta no comezo do curso escolar
A Xunta destina cen millóns de euros a axudas "para intentar reducir o impacto que este comezo do curso ten nas familias", segundo o conselleiro de Educación
O alumnado conta con novas materias optativas nalgún curso
A Xunta celebra que se manteña sen cambios a proba da ABAU
A volta á rutina das aulas trae novidades para o alumnado este setembro: En cuarto da ESO e en primeiro de bacharelato contarán con novas materias centradas na intelixencia artificial. E os estudantes de terceiro da ESO disporán dunha materia de Cultura Financeira.
Somos a única comunidade autónoma que ofrece unha materia optativa deste tipo, para que os mozos poidan ter coñecemento do que é unha hipoteca, que é un crédito", di o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez.
O que se mantén sen cambios e a proba da ABAU que farán ao remate do curso, os alumnos que comezan segundo de bacharelato. O Goberno decidiu manter o formato da proba e aprazar a implantación da nova selectividade. O Ministerio considerou que abordar a reforma agora excedería as súas competencias, por estar en funcións.
Dende a Xunta a verdade é que celebramos que o Ministerio tomara esta decisión de aprazar unha reforma contra a que nos opuxemos dende o primeiro momento, precisamente esta mesma semana o noso conselleiro, Román Rodríguez, envioulle unha carta ao Ministerio pedindo que fixese o que acaba de facer, explica a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.
Nestes días nos que as familias, afrontan as compras para comezar o curso, distintos estudos apuntan a un desembolso superior aos 400 euros por fillo.
Dende a Xunta somos conscientes desta situación e de feito destinamos cen millóns de euros a axudas ás familias en distintas partidas. Sete de cada dez alumnos reciben algún tipo de axuda, apunta Román Rodríguez.
O conselleiro destacou que a contía das axudas para a compra de libros de texto achégase aos 26 millóns de euros e que os beneficiarios do bono para material escolar ampliáronse nun corenta por cento.