Siemens Gamesa estuda a venda de 8 plantas en España, entre elas a de Sigüeiro
Esta operación, que aínda está en fase de estudo e podería prolongarse durante meses, forma parte unha estratexia máis ampla de revisión de activos

Siemens Gamesa estuda a venda de dúas das súas filiais dedicadas á fabricación de compoñentes de aeroxeradores, que en total contan con 13 plantas, 8 delas en España, estando unha en Sigüeiro. As plantas afectadas dan traballo a 1.100 persoas, segundo informaron a EFE este xoves fontes próximas á operación.
A compañía, que non quixo facer comentarios, trata de dar con algún investidor industrial que tome as rendas desas filiais, que fabrican multiplicadoras de revolucións para as turbinas eólicas e outros compoñentes electrónicos.
As citadas fontes aseguran que no caso de que finalmente leve a cabo a venda das filiais, chamadas Gearbox e Gamesa Electric, a compañía con sede en Zamudio (Biscaia) unicamente pactarao cun socio ou socios que se comprometan a dar continuidade ao negocio e ao emprego, así como a seguir sendo provedor de compoñentes a Siemens Gamesa.
Esta operación, que aínda está en fase de estudo e podería prolongarse durante meses, forma parte unha estratexia máis ampla de revisión de activos nun momento en que o sector eólico está en auxe en España e a súa industria asociada, moi concentrada no País Vasco e Navarra, ten gran potencial de crecemento.